Caballero confirma que o Concello tramitará as propostas de sanción da Policía Local desde o mes de marzo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este venres en rolda de prensa que o Concello tramitará as denuncias impostas pola Policía Local entre os meses de marzo e outubro a cidadáns que non respectaban a normativa pola crise sanitaria do Covid-19 e non utilizaban as máscaras.

“Imos a tramitar as denuncias, non imos a deixar de apoiar as normas que emanan da Xunta e a recadación será para a administración autonómica, creemos que é importante actuar cooperando coa Xunta e que é moi importante que non haxa impunidade”, asegurou o rexedor durante a conferencia de prensa.

Abel Caballero sinalou así que acataba o ditame do Consello Consultivo no que indican que son os concellos os que deben tramitar as denuncias e que contradí o informe da Avogacía do Estado. Ademais, o alcalde aclarou que os asesores xurídicos do Concello consideran máis rigoroso o informe da Avogacía do Estado, que considera que os municipios non están habilitados.

“Hai un bo cumprimento das normas por parte da cidadanía viguesa, a cidade está comportándose ben, pero hai unha pequena parte que non cumpre, son uns centos de sancións, polo que é preciso que se impoñan as multas”, sinalou.