Vigo solicitará 10,9 millóns de fondos europeos para seguir impulsado o turismo

O alcalde avanzou hoxe a solicitude de 10,9 millóns de euros de fondos europeos para financiar un proxecto “ambiciosísimo” de transformación para seguir atraendo turistas a Vigo, “a cidade líder en turismo en Europa”

O Concello proporá a creación dun Centro multifuncional de turismo gastronómico e de recepción de visitantes na Praza da Igrexa, a construción dun miradoiro e dun ascensor panorámico no edificio do Concello e, por último, a instalación dunha rampla mecánica no Paseo de Granada

A Xunta de Goberno validou esta mañá o Plan de Sostenibilidade turística en destino Vigo 2022 co que concorrerá a fondos Next Generation UE xestionados polo Goberno de España. Son accións encamiñadas a reforzar e desestacionalizar o turismo, seguindo liñas verdes de actuación e de eficiencia enerxética para as que o Concello solicitará 10,9 millóns de euros con fin de financiar un proxecto “ambiciosísimo” que permitirá seguir atraendo turistas a Vigo, “a cidade europea co máis importante proxecto turístico”, moi por enriba de calquera cidade galega e cunha imaxe de marca similar a Madrid, Barcelona, Valencia ou Bilbao.

Entre as propostas que debullou esta mañá o rexedor destacan a posta en marcha dun novo Centro multifuncional de turismo gastronómico e de recepción de visitantes na Praza da Igrexa, a creación dun miradoiro e un ascensor panorámico no edificio do Concello, así como unha rampla mecánica no Paseo de Granada.

O novo centro turístico está concibido como un foco de actividade social e pública sobre un conxunto de edificacións localizadas na Porta do Sol. Este proxecto xurdiu dun concurso de ideas impulsado pola administración local e o seu potencial será facilitar a cooperación de todos os sectores turísticos -cultural, industrial, histórico ou ambiental.

O edificio municipal será obxecto dunha intervención que mellorará a súa integración sostible no contorno -así como a súa funcionalidade – cun miradoiro e un ascensor panorámico que xerará un novo espazo de convivenza na azotea da torre central e actuará como un novo elemento de atracción turística. Respecto da rampla mecánica no Paseo de Granada, dará continuidade ao corredor de mobilidade urbana sostible que une a Porta do Sol coa Praza do Bicentenario.

Tal e como detallou o alcalde, o goberno local solicitará 8,7 millóns para estas tres propostas. O Centro de promoción enogastronómico de Vigo prevé un investimento de 3.493.184,09 euros; o miradoiro e o ascensor panorámico no edificio do Concello, 1.350.000 euros, e finalmente, a humanización do Paseo de Granada tería un orzamento de 3.929.000 euros.

As accións complementarias aspiran a recibir outros 2,2 millóns, avanzou o rexedor. Medidas de economía circular para edificios municipais, a creación dun sistema de iluminación eficiente do Casco Vello para destacar a calidade artística dos edificios, recreacións virtuais do patrimonio gastronómico, unha estratexia de marketing dixital para a Web e a App Turismo de Vigo ou a creación dunha nova oferta turística Vigo como destino MICE (Meeting, Incentives, Conferencing y Exhibitions) son algunhas das propostas adicionais incluidas neste plan.