Vigo seguirá abastecéndose da auga do río Oitavén, de “calidade excepcional”

Esta é unha das conclusións do estudo definitivo que vén de recibir o Concello da Confederación Hidrográfica Miño-Sil sobre as alternativas para garantir o abastecemento futuro de auga en Vigo e na zona sur da provincia de Pontevedra

“Estamos enfocando a resolución do problema da auga para os próximos cen anos”, sinala o alcalde

Abel Caballero explicou este martes en rolda de prensa que o informe “dá “enteiramente a razón a Vigo” e conclúe que a cidade “vai estar sempre abastecida da auga procedente do río Oitavén e da confluencia do Verdugo co Oitavén; é dicir, da conca desta zona”. Tamén chegará auga do Miño para outros municipios, non para Vigo.

O rexedor puxo en valor a conca do río Oitavén da que “queremos seguir sendo abastecidos” xa que a auga chega por gravidade, sen necesidade de bombeo, “é absolutamente limpa, de calidade excepcional, sen necesidade de pasar por depuradora”. O estudo conclúe tamén que é preciso mellorar a condución de auga desde Eiras ata a potabilizadora de Vigo, en particular no túnel de Amoedo, que debe duplicar a súa capacidade para ter máis caudal cando sexa necesario, algo que “compartimos enteiramente”.

Caballero apuntou que a presa de Eiras é pequena en relación ao consumo que abastece; “estaba pensada para o Vigo de hai 30 anos” e, dado o cambio climático, é posible que o seu caudal sexa insuficiente para abastecer a cidade no caso de que se producise unha seca de varios meses. No caso de que esa situación de seca se dera agora, a solución pasaría por un transvase e captación de auga na confluencia dos ríos Oitavén e Verdugo cara Vigo, que sería provisional ata que, a longo prazo, se habilite unha pequena presa augas arriba do encoro de Eiras, no leito do Oitavén, que servirá de almacén de abastecemento para Eiras, e que xa non faría necesario o transvase de emerxencia.

O estudo sinala que estas actuacións garantirían o abastecemento de Vigo e os concellos de Moaña, Cangas, unha parte de Redondela e unha parte de Mos, que reciben auga da potabilizadora de Vigo, mentres Zamáns recibiría auga do Miño e abastecería a zona do Val Miñor.

O obxectivo do estudo, realizado pola empresa PROTINTEC durante 18-20 meses, é mellorar a regulación e o almacenamento de auga para garantir o abastecemento de Vigo e outros 14 municipios: Redondela, Soutomaior, Porriño, Mos, Salceda, Moaña, Cangas, Baiona, Nigrán, Gondomar, Tui, Ponte Caldelas, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.