Trátase dun Nelec BYD 100% eléctrico, carrozado en Castrosua, con ata 400 km de autonomía, que circulará en probas sen pasaxeiros -por normativa legal- na liña C1 e outras liñas da rede da cidade.
Desde este martes e ata o xoves 11 de abril, Vigo vai probar un novo modelo de bus eléctrico polas súas rúas sen pasaxeiros -por normativa legal- na liña C1 e outras liñas da rede da cidade. Trátase dun vehículo de 12 metros, 100% eléctrico, modelo Nelec BYD en colaboración co fabricante galego Castrosua. Incorpora motorización BYD, cun sistema de alimentación a través de baterías de litio que brinda ata 400 km de autonomía. Este modelo de autobús recibiu o galardón internacional Red Dot Design Award e foi elixido Bus Ecolóxico do Ano 2022 en España.
Esta proba enmárcase na aposta de Vitrasa e o Concello de Vigo pola mobilidade sostible e a innovación, que pasa por estar ao día das novidades do mercado co obxectivo de poder incorporalas ao servizo que presta na cidade.
Principais características técnicas de Nelec BYD
Nelec BYD é un autobús urbano de 12 metros con solucións únicas e de vangarda, onde prima a comodidade, a seguridade e a economía dos custos de operación, pero tamén un deseño atractivo. É un vehículo 100% accesible, respectuoso co medio ambiente, construído con novos materiais e con iluminación LED indirecta que se utiliza en todo o vehículo para crear unha cabina de pasaxeiros con gran luminosidade e amplitude que xera confort para os usuarios. Conta cunha gran atención ao detalle no deseño do habitáculo do condutor/a amplo e ergonómico, así como a inclusión doutros elementos innovadores como un novo equipo limpaparabrisas con motores independentes en cada brazo, un sistema de canalización de aire independente ou sistemas de visión indirecta que emprega cámaras dixitais en lugar de espellos.
Ao tratarse dun motor eléctrico non existen caixas de cambio ou eixos de transmisión clásicos no sistema de tracción por eixo traseiro, o que supón un aforro de 300kg en peso e maior espazo dispoñible no vehículo. A potencia do motor é transmitida directamente ás rodas, o cal incrementa a eficiencia enerxética e reduce ruídos e vibracións. O autobús Nelec BYD pode axeonllarse en ambos eixos para cumprir con diferentes condicións de embarque ou desembarque de pasaxeiros.
A construción do piso é mediante un material composto e lixeiro formado por escuma de poliuretano e fibra de vidro, que achega numerosas vantaxes en canto a non absorción de auga, redución de peso e illamento, tanto térmico como acústico.
A carrocería Nelec de Castrosúa conta con illamento acústico e térmico en teito, paredes e piso. Ten fiestras tintadas e un reforzo térmico e acústico especial entre o compartimento do motor e a cabina de pasaxeiros fabricado cun material illante.
O vehículo conta con portos USB para carga de móbiles ou outros dispositivos e con dous espazos reservados para viaxeiros en cadeira de rodas.

