Vigo loce en FITUR «O mundo na cidade»

Abel Caballero pecha a proposta viguesa na Feria Internacional de Turismo, aberta pola ministra de Turismo, Reyes Maroto, e coa presentación das xornalistas Paula Montes e Alba Lago

O destino turístico Vigo lanzouse este xoves en FITUR, no recinto feiral de Madrid, da man dunha delegación encabezada polo alcalde da cidade, Abel Caballero, e co gancho dun vídeo que mostra «O mundo na cidade», unha urbe medioambiental, cultural e accesible que dispón de todo o que precisa o viaxeiro para as súas vacacións. E con dous protagonistas principais: as luces de Nadal e as illas Cíes.

«Vigo é un mundo na cidade», valorou o alcalde: «Calquera cousa que calquera persoa queira atopar en calquera lugar do mundo, atópao en Vigo». A presentación viguesa incluíu a gastronomía, a natureza, a arte urbana e o patrimonio histórico que aglutina a urbe, máis destacou sobre todo a campaña do Nadal vigués -que contabilizou máis de cinco millóns de visitas pola «zona cero»- e a candidatura á Patrimonio da Humanidade das illas Cíes, recentemente seleccionadas polo rotativo The New York Times entre os principais destinos a visitar este ano.

A ministra de Turismo, Reyes Maroto, foi a primeira en intervir e subliñou os factores diferenciais da cidade olívica, como a gastronomía, a natureza e as praias, poñendo énfase nas luces de Nadal, que converteron a Vigo nun «gran destino» e «imprescindible» para os turistas.