Abel Caballero informou en rolda de prensa este martes do desenvolvemento dos traballos previos ao inicio da obra, que ten un orzamento de 4.234.000 euros, e prevé estar rematada antes de finais deste ano
“No mes de febreiro iniciamos a obra da segunda fase das ramplas da Gran Vía, entre Venezuela e Nicaragua”, indicou o rexedor, que engadiu que nestes momento o goberno municipal está traballando cos trámites previos ao comezo da obra: o plan de control de calidade, o plan de xestión de residuos, o programa de traballo e o plan de seguridade e saúde.
O obxectivo do Concello é que a obra estea rematada antes de final de ano, polo que a cidade dispoñerá de cintas mecánicas para desprazarse pola Gran Vía entre María Berdiales e a praza de España. “Non podemos arrancar máis abaixo porque a Xunta o impide”, engadiu Caballero.
Tal e como explicou, o orzamento das ramplas da Gran Vía ascende a 4.234.000 euros para acometer unha actuación de 150 metros lineais den dúas cintas: desde Venezuela a Bolivia e de Bolivia a Nicaragua, amais do resto da acción: novas tubaxes de saneamento, abastecemento e pluviais, nova rede soterrada de servizos (iluminación, semáforos…), novos pavimentos e beirarrúas de granito, novo mobiliario urbano, nova sinalización, rede semafórica, iluminación e dotación de innovación tecnolóxica.
As ramplas contarán con pavimento descontaminante e un novo xardín botánico, tanto no interior como no exterior, terán sistema de aforro enerxético e capacidade para transportar a 7.300 persoas cada hora. Quedarán “moi preparadas para a Cidade da Xustiza”, apunta o alcalde, e terá unha cuberta porticada de perfil metálico e acabado de vidro.
O orzamento da primeira fase das ramplas, entre María Berdiales e Venezuela, foi de 5,5 millóns polo que a obra acadará practicamente os 10 millóns de euros; unha “obra colosal: todo o mundo usa as ramplas, todo o mundo está contento coas ramplas”, afirma Caballero.