A Xunta abre a nova terminal de autobuses tras investir 18 millóns para conectar o transporte público de todas as poboacións da área metropolitana, Galicia e o resto de España
Dende o 17 de decembro entra en servizo a nova estación de autobuses intermodal no centro de Vigo e a tan só uns metros da conexión ferroviaria de Urzaiz
Vigo abrirá este mes de decembro a súa Estación de Autobuses Intermodal de Galicia. A nova terminal de Urzaiz estará en servizo desde o sábado 17 para permitir a conectividade de bus e tren en apenas uns minutos.
A estación de autobuses intermodal de Vigo, que permitirá albergar dous millóns de usuarios ao ano e 500 expedicións de autobuses, convértese así no novo nó de viaxeiros do sur da comunidade tras un investimento de 18 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.
A execución da estación de autobuses a carón do Vialia Estación de Ferrocarril permítelles aos usuarios o cambio de transporte dun xeito máis rápido e cómodo, a través dun núcleo de comunicacións habilitado especialmente, de xeito seguro e adaptado para as persoas con mobilidade reducida.
O traslado da actividade da estación de autobuses desde a súa situación actual na avenida de Madrid, ata o complexo intermodal de Urzaiz, sitúa no centro da cidade o gran nó do transporte público.
A terminal de autobuses desenvolvese en dúas plantas que articulan o desnivel existente, duns 6 m de altura, entre a Praza da Estación e o acceso intermodal á estación de ferrocarril. Na planta superior sitúanse as 30 dársenas (22 de viaxeiros e 8 de regulación) e na inferior os servizos ao viaxeiro (despacho de billetes, información, sala de espera, oficinas, aseos…).
Na construción da nova estación intermodal a Xunta de Galicia actuou nunha superficie total de 12.000 metros cadrados. Trátase dunha obra complexa na que se utilizaron 10 quilómetros de pilotes e se construiron os tramos dos dous túneles (Lepanto e Estación) que pasan baixo a terminal.




Características
Acceso peonil: realízase a través dun núcleo de comunicación vertical situado na nova Praza da Estación que permitirá tamén a comunicación intermodal entre as estacións de autobuses e ferrocarril.
Acceso rodado: realizarase dende a Praza da Estación, na intersección das rúas Lepanto, baixada á estación e Alfonso XIII ou dende un novo acceso directo á AP9.
Plataforma de dársenas: situada aproximadamente á mesma altura que a Praza da Estación. Consiste nun circuíto arredor dunha illa central de plataformas con dúas tipoloxías: en dente de serra e en espiña de peixe. A terminal conta tamén con prazas de regulación situadas no lado norte da plataforma de dársenas con mínima afección e fácil incorporación ao circuíto interno de circulación.
Plataformas centrais: están cubertas por unha marquesiña perimetral de 2234 metros cadrados que se desprega dende o patio central. Este espazo central, coincidente co patio de comunicacións entre as dúas plantas, péchase cun gran lucernario acristalado.
Edificio de servizos ao viaxeiro: localízase na planta baixa da terminal de autobuses, baixo a plataforma de dársenas. Este edificio dispón dunha xeometría practicamente rectangular, aliñada co lado sur da plataforma e do edificio Vialia, que deixa un paso peonil intermodal entre ambas as edificacións.
Gran patio aberto: co fin de potenciar a entrada de luz natural e o confort dos usuarios, o edificio poténciase cara ao interior, cun gran patio aberto onde se dispón o núcleo de comunicacións verticais coa plataforma de dársenas franqueada por dúas zonas axardinadas aos seus extremos.

