O Pleno acorda por unanimidade unha modificación do orzamento que se engade a outra xa aprobada anteriormente por 870.000 euros para apoiar á cidadanía afectada pola pandemia
Toda a Corporación municipal deu luz verde á proposta do goberno de Vigo de modificar o orzamento para sumar outros 600.000 euros, procedentes do superávit do Concello do pasado ano, á atención social da cidadanía viguesa damnificada polo coronavirus.
Os grupos políticos votaron por unanimidade a proposta e a oposición propuxo consolidar este nivel de gasto social para afrontar os meses vindeiros e facer uso do máximo legal permitido para adicar ao efecto, un 20% do excedente do ano anterior, que no caso vigués totaliza 3,7 millóns de euros. Na súa intervención, o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, puxo en valor as dúas modificacións xa tramitadas e avanzou que se realizarán “as que fagan falta” para atender en Vigo a derivada socioeconómica da pandemia.
Trátase do segundo cambio nas contas municipais para ampliar os fondos adicados á política social, logo da primeira aprobada por importe de 870.000 euros, e que eleva o total modificado ata o momento aos case millón e medio de euros.
Pago a provedores
A Corporación tomou coñecemento este mércores do informe de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para o pago das obrigas correspondente ao segundo trimestre do ano, meses nos que a media situouse nos doce días.
O edil de Facenda indicou que neste trimestre se efectuaron 27,1 millóns en pagos, cun prazo de abono aos provedores municipais que quedou en nove días no mes de xuño, á cabeza das entidades locais en España, mentres que na Coruña foi de 35 días, 22 en Lugo, 20 en Pontevedra, 50 en Santiago e 100 días en Ourense. No contexto estatal, 22 días en Madrid, 28 en Málaga, 29 en Sevilla e 35 en Zaragoza.


Deberamos saber a qué conceptos vai destinado este diñeiro público. Non basta con modificar partidas de gasto, cómpre saber en que se gasta e sobre todo cómpre saber quen está cobrando e quen non cobra un euro… Iso que algúns chaman TRANSPARENCIA (?)