Vigo dispoñerá de máis dun millón de euros para mellorar a atención dixital da cidadanía

O alcalde destaca que a achega irá destinada a “dar cobertura con 5G, información á cidadanía  para que poidan facer xestións ou achegar suxestións

O goberno municipal dispoñerá dunha contía máxima de 1.084.686  euros para financiar estes proxectos cuxo período de execución vai dende o 1 de febreiro de 2020 ata o  31 de decembro de 2022, tal e como recolle a Orde coas bases reguladoras e a convocatoria  correspondente a 2021 das subvencións destinadas á transformación dixital e modernización das  Administracións das Entidades Locais no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, publicada onte no BOE.  

O Concello presenta proxectos para mellorar a accesibilidade, atención e información á cidadanía na  páxina web, na aplicación móbil e na atención telefónica coa creación dun servizo personalizado, que  atenda ás súas necesidades ou aos intereses manifestados chegando a facilitarlle unha axenda que o  avise, de forma personalizada, dos prazos das campañas de axudas, subvencións ou outras actuacións.  

No ámbito da prestación de servizos, o goberno de Vigo traballa a ampliación dos servizos da Pass Vigo,  a tarxeta cidadá municipal que incluirá os servizos prestados por terceiros, como pode ser o caso dos  aparcamentos públicos, ou un sistema de bonificación personalizada ao usuario, por exemplo, á hora de  acudir a eventos masivos puntuais ou para aboar servizos culturais ou deportivos en función da idade ou  condición do titular. Amais, ampliará a rede wifi municipal para contrarrestar a fenda dixital e dotará de  equipos informáticos as instalacións públicas municipais accesibles para a cidadanía. 

No eido da administración dixital, o goberno de Vigo dedicará os Fondos Next Generation á modernización do sistema de xestión administrativa e á creación de servizos de intercambio de  información con profesionais que interaccionan co Concello.