“Incorporaremos Vigo ao ámbito turístico da Semana Santa de España”, avanzou este luns Abel Caballero, quen anunciou que se traballa en “ideas que van transcender á celebración tradicional” de cara ao ano que vén
“Como no Nadal somos unha referencia, pois queremos selo tamén na Semana Santa”, manifestou o alcalde
Segundo os datos ofrecidos este luns polo alcalde, a cidade rexistrou nos festivos unha ocupación hoteleira do 82,4%, sendo o venres o mellor día con cifras que superaron o 90%. No total da semana, os aloxamentos vigueses aproximáronse ao 70%.
Abel Caballero valorou a “altísima” ocupación hoteleira en Vigo, “unha cidade na que a Semana Santa non tiña a máis mínima dimensión turística” e recordou que o Concello subvencionou os actos da festividade deste ano con 15.600 euros. Entre as actividades, o alcalde destacou o Encontro, acto recuperado logo de dúas décadas sen celebrarse.
Cos datos na man, o primeiro edil vigués considerou que “a Semana Santa ten recorrido na cidade”, polo que Vigo xa planifica a do próximo ano: “Xa estamos traballando nas ideas da Semana Santa do ano que vén cos organizadores, con ideas que van transcender á celebración tradicional”.
“Incorporaremos Vigo ao ámbito turístico da Semana Santa de España”, anunciou Caballero, quen fixou como exemplo o éxito acadado pola cidade noutra campaña. “Como en Nadal somos unha referencia, pois queremos selo tamén na Semana Santa”, mais “temos que ser unha referencia distinta”, matizou en relación á proposta doutras urbes do país.

