A plataforma avoga por consolidar os pasos dados, para o que considera imprescindible prolongar no tempo o esforzo inversor, e aprender das experiencias doutras cidades á vanguarda da mobilidade sostible
Aposta por empregar parte dos remanentes para realizar inversións urxentes no cambio de modelo de mobilidade en Vigo
A plataforma Vigo Ciclábel aposta porque o municipio se sume á Rede de Cidades pola Bicicleta, unha organización de ámbito estatal composta por entidades públicas que promoven plans e liñas de actuación que favorezan, no marco da mobilidade sostible, a circulación en bicicleta na súa cidade ou territorio. A Rede de Cidades pola Bicicleta a integran cidades como Barcelona, Valencia, Santander, San Sebastián, Valladolid e tamén Deputacións Provinciais como a de Guipuzcoa ou a de Pontevedra.
Neste marco, Vigo Ciclábel considera que o Concello de Vigo ten realizado importantes esforzos para o fomento do uso da bicicleta como alternativa de mobilidade. Non obstante, para consolidar os primeiros pasos dados subliñas que «é imprescindible prolongar no tempo esforzo inversor, pero tamén aprender das experiencias doutras cidades á vanguarda da mobilidade sostible».
Para acadar este obxectivo, a plataforma propón empregar os remanentes de tesourería e adicar inversións urxentes no cambio de modelo de mobilidade en Vigo, «tanto con medidas inmediatas como de medio-longo prazo, cun impulso definitivo á bicicleta e ao seu potencial, para facer de Vigo unha cidade mellor en tódolos sentidos».
«Desde Vigo Ciclábel consideramos que a redacción e a aprobación do Plan Director da Bicicleta de Vigo será un instrumento que permitirá planificar de xeito integral o impulso da bicicleta na cidade, creando unha rede ciclista segura que atinxa a toda a area urbana. Tamén permitirá dotar á bicicleta dun maior estatus e protagonismo como vehículo na cidade», destacan

