Vigo celebra a IV Andaina contra o cancro infantil este domingo 19 de xuño

A camiñada solidaria recadará fondos para Bicos de Papel e para a Asociación de nenos oncolóxicos de Galicia

O alcalde animou á cidadanía a sumarse ao evento, que sae o domingo, ás 11 horas da mañá, dende a Praza do Rei coa meta no Parque de Castrelos onde haberá festa e agasallos

Abel Caballero presentou en rolda de prensa a IV Andaina solidaria contra o cancro infantil, que se celebra este domingo, 19 de xuño, na cidade organizada pola Central Radio Taxi Vigo. “Convido a todo Vigo a que participe na mobilización dunha acción tan importante para unha causa tan nobre como é o apoio aos nenos con cancro e ás súas familias”.

A andaina sae ás 11:00 horas da mañá desde a Praza do Concello ata o Parque de Castrelos pasando por Cachamuíña, Falperra, Pi y Margall, López Mora, Praza América, Avenida Castrelos e final no Parque.

Emilio Mosquera, presidente da Central Radio Taxi Vigo, que organizan a camiñada, explicou na presentación que se trata dun “acto solidario e bonito, no que haberá moitos agasallos para os nenos” e que finalizará con baile en Castrelos.

A andaina está pensada para toda a familia co fin de recadar fondos para o cancro infantil, que se destinarán a dúas entidades: a Asociación de Axuda a nenos oncolóxicos de Galicia (ASANOG) e a Asociación Bicos de Papel. A inscrición custa 5 euros e pode realizarse na Cooperativa de Taxis (Avda Atlántida, 16) ou no departamento de Deportes de El Corte Inglés, planta 5, onde tamén poderán recollerse as camisetas o sábado de 11 a 14 h e de 16 a 20 horas. O domingo estarán dispoñibles para coller na Lonxa do Concello.

Á rolda de prensa asistiron tamén Gonzalo Autran e Lucía Fernández, de ASANOG (Asociación de nenos oncolóxicos de Galicia); Mila Martínez e Natalia Diestes, presidenta e directora, respectivamente, de Bicos de Papel; e Lourdes Pedrido, representante de El Corte Inglés.