Vigo acollerá en setembro a segunda edición de Mindtech

O vicepresidente segundo, Francisco Conde, asegura que os Next Generation serán o marco estratéxico desta feira xa que estarán representados todos os sectores que aspiran a captar estes fondos europeos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, participaron esta mañá na presentación de Mindtech, Metal Industry and Technologies International Trade Fair, a feira industrial de referencia no Polo Ibérico, que celebrará no Ifevi a súa segunda edición do 14 ao 16 de setembro.

Conde sinalou que esta feira ten que ser o escaparate, altavoz e punto de encontro de toda a capacidade instalada coa que conta a Comunidade para trasladar a mensaxe de que a industria galega é dixital e sostible.

“Mindtech é unha aposta pola industria 4.0, a tecnoloxía, a innovación, e o talento, ademais dunha oportunidade de cara a futuro para amosar os nosos avances en proxectos tecnolóxicos e de innovación”. subliñou Conde quen asegurou que Galicia está sabendo anticiparase á transformación dixital.

Así, o vicepresidente segundo fixou como principais retos desta segunda edición visibilizar o dobre proceso de transformación dixital e ecolóxica pola que atravesa o sector do metal e das súas tecnoloxías asociadas –que representa máis do 20% do PIB de Galicia e que é un dos ámbitos con maior potencial para a innovación e a diversificación de mercados e produtos–; e reafirmarse como a feira industrial de referencia do Polo Ibérico, amplificando a súa proxección nacional e internacional.

Segundo Conde, os Next Generation serán o marco estratéxico de Mindtech 2021, xa que todos os sectores que estarán representados na feira aspiran a captar estes fondos europeos con proxectos que contan co apoio da Xunta, como AutoAncora, no eido da automoción; o Polo Aeroespacial ou os proxectos no eido do naval e da eólica offshore. Galicia xa conta actualmente con 354 iniciativas que permitirían mobilizar un investimento público-privado de 20.000M€.

Pola súa banda, Caballero eloxiou “un proxecto excepcional de lanzamento da industria, que é o corazón da economía. Mindtech é unha forma extraordinaria de entender o progreso para conseguir o avance económico». Respecto dos tempos, augurou que se organiza nun momento “idóneo” no que asistimos ao fin da pandemia. “Agora toca o máis importante – proseguiu -que é a industria, a economía e o emprego”.

Logo de destacar a importancia de celebrar unha feira como esta para impulsar a recuperación económica, referiuse ao marco dos Next Generation EU, con 27.000 millóns de euros, para os que a industria ten que ser unha forza tractora. A este respecto, reiterou a importancia que tería para “anclar” en Vigo a industria do automóbil que se implantara en Vigo unha fábrica de baterías vinculada á mobilidade eléctrica.

Na presentación tamén participaron Justo Sierra, presidente de Mindtech; Lino Comesaña, director de Negocio Galicia, Asturias y León de Abanca; David Regades, delegado de la Zona Franca; Galo Gutiérrez, director Xeral de Industria e Peme no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo; e Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía. O acto foi conducido por Enrique Mallón, responsable de ASIME.

Na súa primeira edición, Mindtech contou con máis de 200 expositores, 20.000 visitantes. Este ano volverán a estar presentes todas as industrias punteiras do sector.