UVigo SpaceLab busca alumnado de grao e posgrao de todos os ámbitos para ampliar o equipo da misión BIXO

Integrantes de UVigo SpaceLab con Andrés Martínez (no centro), administrador da NASA

Ademais de comezar coa montaxe do satélite, traballan no deseño da estación terrea

Cando están a piques de cumprirse dous anos do inicio da misión BIXO, o CubeSat de dous unidades que levará a bordo unha carga biolóxica para estudar como a microgravidade e a radiación afectan aos procesos de comunicación bacteriana, UVigo SpaceLab, o equipo de estudantes da UVigo que desenvolve o proxecto, avanza no deseño da estación terrea, unha parabólica de 1,8 metros de altura, que permitirá conectar desde a Terra co satélite, ademais de seguir co deseño da súa estrutura e iniciar a súa montaxe para realizar ensaios sobre os prototipos.  

O equipo, que recentemente sumaba dous novos departamentos (microfluídica e embebidos) aos sete existentes (comunicacións, software de alto nivel, organización e márketing, enxeñaría de sistemas, estruturas e control técnico, electrónica e ADCS), inicia agora, e ata o vindeiro 8 de maio, unha fase de ampliación, aberta ao alumnado da UVigo. “Buscamos estudantado do ámbito enxeñeril, do científico-técnico, e mesmo do económico, dos campus de Vigo e Ourense, que estea desexando involucrarse nun proxecto de alta retribución académica e profesional”, explica Manuel Diz, coordinador do proxecto. Concretamente, os perfís máis demandados son os dos diferentes graos de Enxeñaría de telecomunicación, Minas e Enerxía, Industriais, Mecánica, Electrónica, Biomédica; así como Bioloxía, Química; ademais de Económicas, ADE, Xurídicas, Filoloxía e Tradución. “Tamén son benvidos os estudantes de dobres graos, mestrados e doutoramentos”, sinala Diz, que lembra que non cómpre ter experiencias ou coñecementos previos, “o máis importante é ter ganas de aprender”.

O alumnado que estea interesado en incorporarse a UVigo SpaceLab, poderá presentar a súa solicitude, ata o 8 de maio, cubrindo un formulario.

Publicacións científicas e fases de test e prototipado do programa Fly your Satellite!

Ao tempo que as e os integrantes de UVigo SpaceLab avanzan no deseño da estrutura e da montaxe do satélite, así como no da estación terrea, acaban de facer entrega da documentación necesaria para pasar a Base Line Design Review do Fly your Satellite! Design Booster, o programa da Axencia Espacial Europea, para o que BIXO foi seleccionado, e que lle permite contar con apoio de especialistas do máximo nivel durante o desenvolvemento da misión, así como con toda a experiencia e as facilidades das que dispón a ESA. “Ademais estamos a ter reunións semanais con distintos expertos para revisar e mellorar a documentación de deseño e así poder avanzar á próxima fase de testado e prototipado”, explica Manuel Diz.

Así mesmo, o traballo desenvolvido polos integrantes de UVigo SpaceLab está a xerar artigos científicos, como o presentado á competición para estudantado, organizada pola 37ª Small Satellite Conference, sobre a preservación de microorganismos biolóxicos en misións espaciais. “No noso estudo, presentamos un sistema novidoso para levar bacterias en estado latente dentro do satélite e reactivalas en órbita mediante a adición dun caldo nutritivo. Esta técnica, a liofilización, é completamente innovadora en comparación con misións anteriores da NASA e outras axencias, que levaron diferentes tipos de microorganismos que non requiren condicións de preservación tan duradeiras”, detalla o coordinador da misión, que asegura que o equipo está impaciente por saber se o seu traballo está entre os galardoados, o que lles permitiría presentalo nunha conferencia en Utah e compartir máis coñecementos sobre esta nova técnica.

Doutra banda, no congreso Small Satellites & Services International Forum 2023, celebrado en Málaga, o estudantado da UVigo presentou varias publicacións científicas de impacto, “como as simulacións estruturais da configuración do satélite, o deseño dunha antena de bandas s para enviar  información á estación terrea e o deseño dun sistema microfluídico para estudar o crecemento de bacterias en órbita”, enumera Diz.

No desenvolvemento da misión, o seu coordinador destaca o papel que están a xogar os patrocinadores, como DHV Technology, Alén Space e UARX Space, “que non só nos brindan o seu apoio, senón que tamén nos provén dalgúns dos subsistemas que nos permitirán levar a cabo a reactivación da bacteria en órbita”.