Achegará vídeos diarios en formato de ‘lectura sinxela’ a colectivos con necesidades especiais
Os contidos que ofrecen os medios de comunicación non son, en moitas ocasións, plenamente accesibles para as persoas que teñen algunha dificultade de comprensión. Para evitar esta eiva, a CRTVG acaba de poñer en marcha unha iniciativa que, da man da Universidade de Vigo, achegará información accesible a este tipo de colectivos. Trátase do proxecto Sinxelo, un espazo informativo que permitirá que os servizos informativos da TVG emitan diariamente vídeos accesibles na súa web e redes sociais en formato de ‘lectura sinxela’ para persoas con discapacidade ou con necesidades especiais.
Nesta iniciativa están implicadas Lourdes Lorenzo, directora do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo e experta en tradución audiovisual e Sonsoles Facal, estudante de doutoramento e impulsora da tradución de libros infantís a ‘lectura sinxela’. Ambas, xunto co xornalista Carlos F. Amado, responsable do proxecto por parte da TVG, foron as encargadas de dar a coñecer esta iniciativa innovadora e única en España este mércores no programa A Revista da canle autonómica.
Segundo explicaron, esta proposta baséase en aplicar os criterios da ‘lectura sinxela’, un método que emprega pautas e recomendacións á redacción de textos, ao ritmo das imaxes ou ao deseño e maquetación de documentos, sempre coa finalidade de facer accesible a información ás persoas con dificultades de comprensión. Trátase, detalla Lorenzo, “dunha adaptación do texto a todos os niveis: léxico, estrutural, estilístico, pragmático… O adaptador debe partir do léxico máis común na lingua e das estruturas máis sinxelas, fuxindo de oracións longas e de subordinadas; tamén debe evitar as metáforas, a retranca, os dobres sentidos”. Ademais, débese ter en conta a contextualización da mensaxe e explicar no texto os termos difíciles de comprender. A finalidade é, como recalca Carlos Amado, “facer accesible a información a todos os públicos”. Neste sentido, Sonsoles Facal engade que, “cando falamos de accesibilidade, xeralmente pensamos nas ramplas de acceso aos edificios, pero a linguaxe tamén é unha estrutura e, como tal, podemos deseñar nela tampas de acceso”.
Primeiro medio audiovisual en España en aplicar ‘lectura sinxela’
Coa posta en marcha de Sinxelo, a CRTVG convértese no primeiro medio audiovisual en España que aplica este nivel de comunicación con este formato aos seus contidos. Os vídeos serán realizados polos Servizos Informativos da TVG en colaboración co Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, que se encargará de verificar, validar e intervir tamén na adaptación dos contidos e formatos para cumprir cos estándares da ‘lectura sinxela’. A difusión dos vídeos será a través da web G24.gal e as canles dixitais YouTube, Instagran, TikTok e Facebook.
Os parámetros dentro dos que se move o proxecto están tamén marcados pola asociación Inclusion Europe, apoiada pola Unión Europea e levarán o logo Easy-to-read.

