Universidade e Porto de Vigo fomentarán a cultura oceánica entre a sociedade a través da fusión de arte urbana e ciencia

O artista Delio Rodríguez realizou un mural sobre a observación oceánica no Real Club Náutico

A Universidade e a Autoridade Portuaria de Vigo unirán as súas capacidades e recursos para promover a cultura oceánica entre toda a sociedade mediante a fusión da arte urbana e a ciencia. Así se recolle no convenio de colaboración asinado este mércores polo reitor da Universidade, Manuel Reigosa e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, que senta as bases e articula a colaboración de ambas institucións para a realización conxunta da terceira edición do programa Scientists Meet Artists, unha iniciativa impulsada e liderada pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar, creada como un lugar de encontro e diálogo ciencia e arte.

Reigosa e Botana, acompañados polo director do Campus do Mar, Daniel Rey; o presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, e a directora da Autoridade Portuaria de Vigo, Beatriz Colunga, presentaron aos medios de comunicación un dos primeiros froitos desta colaboración, o mural elaborado polo artista urbano Delio Rodríguez nun lateral do edificio do Real Club Náutico de Vigo. Alí explicaron que o convenio ten como finalidade artellar actividades que permitan transmitir coñecementos específicos centrados na observación do océano e organizar eventos para poñer en valor a importancia dos océanos no medio portuario, aproveitando as posibilidades que ofrece o visor submarino Nautilus. 

O reitor agradeceu a implicación da APV e lembrou que Vigo “naceu do mar, naceu da ría pero, aínda que o mar segue sendo moi importante para a cidade, temos unhas capacidades tecnolóxicas e de investigación que son moi salientables”. Reigosa puxo en valor do traballo desenvolvido pola “nosa comunidade investigadora” integrada nun “centro de excelencia recoñecido pola Xunta como é o CIM” e apostou por unir estas potencialidades coas do resto de actores, como os centros do CSIC, na ETEA. Precisamente a este respecto e respondendo ás preguntas dos medios, Reigosa asegurou que “estamos esperando, aínda hai algúns atrancos, pero estamos dando pasos moi fortes e contamos coa complicidade de Zona Franca e do Concello e tamén da Xunta de Galicia, para que poidamos levar á ETEA o CIM e agardo que tamén a Facultade de Ciencias do Mar”.

Pola súa banda, Carlos Botana expresou a súa satisfacción polo acordo asinado este mércores xa que, como lembrou, é oceanógrafo de formación titulado pola Universidade de Vigo. O presidente da APV salientou a importancia de poñer en valor as ciencias do mar e as actividades de divulgación científica e explicou que as actividades que se organicen ao abeiro do convenio tamén axudarán a captar talento e novas vocacións científicas.

Scientists Meet Artists como marco de actuación

A colaboración entre UVigo e APV artellarase arredor do programa Scientists Meet Artists, cuxa primeira edición tivo lugar en 2021, e que pretende establecer unha colaboración entre investigadores do Campus do Mar e do Centro de Investigación da Mariña da Universidade de Vigo, e ilustradores que desenvolven o seu traballo en España e Portugal. As ilustracións creadas reflicten a visión compartida entre o persoal investigador e artístico, sen perder o rigor científico e co foco na difusión da cultura oceánica e na creación de recursos educativos para a cidadanía e, en particular, para as comunidades docentes de primaria e secundaria. Estas ilustracións agora cambian de soporte, facendo máis atractiva esta iniciativa para a cidadanía e aumentando o seu impacto e visibilidade, ao tempo que se mellora a interacción entre o porto e a cidade.
O mural presentado hoxe foi elaborado ao longo das últimas semanas no lateral do edificio do Real Club Náutico de Vigo polo artista Delio Rodríguez, unha obra de arte urbana sobre a observación do océano que visualiza e difunde aspectos relacionados co mundo mariño.

Como se recolle no panel explicativo que acompaña á obra, “coñecer e comprender a influencia do océano en nós, e a nosa influencia no océano é crucial para vivir e actuar de forma sostible”. Así, o mural representa, como detallaba Daniel Rey, a variedade de técnicas, métodos e datos que o persoal investigador emprega para “recoller esta información sobre os nosos mares e océanos” e na pintura están representadas as catro esferas de observación fundamentais en oceanografía: a litosfera, a hidrosfera, co seu contido biolóxico, que é a biosfera, a atmosfera e a exosfera. É que como se explica no panel informativo “só entendendo a complexa interconexión destes elementos podemos avanzar significativamente no coñecemento e coidado dos océanos e o seu impacto no medio ambiente global”. Neste sentido, o director do CIM e do Campus do Mar lembrou que “moita desta información que se obtén permítenos observar o cambio climático e facer modelos preditivos para asesorar ás organizacións e gobernos e que estean ben informados para facer políticas tanto paliativas como de cambios na xestión de recursos”. 

516 metros cadrados de mural

No acto desta mañá tamén estivo presente o creador do mural, Delio Rodríguez, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Máster en Debuxo–Creación, Produción e Difusión pola Universidade de Granada, que conta cunha ampla experiencia en intervención mural, polo que xa ten recibido varios premios. O artista relatou a experiencia de crear este mural de 43×12 metros cunha superficie de 516 metros cadrados, un proceso marcado tanto pola curiosidade da cidadanía como polas malas condicións meteorolóxicas durante as semanas de traballo.

A obra é froito da súa colaboración creativa co persoal investigador do Centro de Investigación Mariña, que achegou a este proxecto a súa ampla experiencia en oceanografía e observación oceánica, o que permitiu que Rodríguez reflectise no mural “unha imaxe bastante científica do que é o mar, non baleas e peixes nadando”. Situado nun lugar con moita visibilidade e tránsito, o artista agarda que sexa apreciado pola cidadanía, que o poidan desfrutar e se informen, tanto a través do panel informativo como do código QR no que se pode acceder a unha fotomontaxe do mural con puntos interactivos con información complementaria que axudan á súa interpretación. “Quen sabe, igual de aquí sae algún científico novo!”.