Unha tese demostra os beneficios da indución do parto nas xestantes maiores de 40 anos

Os resultados da investigación da xinecóloga Elena Marín conclúen que a indución do parto neste grupo de xestantes mellora os resultados perinatais e diminúen os riscos para os recén nacidos

A especialista en Obstetricia e Xinecoloxía do hospital Álvaro Cunqueiro, Elena Marín Ortiz, ven de presentar a súa tese doutoral titulada “Inducción del parto en semana 39 de gestación vs manejo expectante en mujeres mayores de 40 años”.

Esta investigación, dirixida polo xefe do servizo Carlos López Ramón y Cajal, tiña por obxecto estudar os resultados dos partos inducidos nas xestantes maiores de 40 anos. A conclusión principal é que a indución do parto nas mulleres de idades avanzadas presenta mellores resultados perinatais,  sen aumentar a taxa de cesáreas.

Segundo explica a autora da tese, a Dra. Marín, “a decisión de atrasar a maternidade ata os 40 anos ou máis, é unha tendencia social relativamente común desde a segunda metade do século XX. A idade materna avanzada pode ser factor de risco para o desenvolvemento de patoloxía durante a xestación, e constitúe un factor de risco independente para a morte fetal intraútero, sendo máis evidente neste grupo de mulleres, a partir da semana 40 de xestación”.

Ademais da morte fetal intraútero, outros dos riscos asociados á idade son o aborto espóntano, anomalías cromosómicas, preeclampsia (hipertensión arterial), diabetes xestacional, placenta previa ou desprendemento prematuro de placenta.

A Indución diminúe os riscos fetais

A tese realizada analizou os resultados dun total de 1.234 xestantes de 40 anos o máis, que tiveron o seu parto na área sanitaria de Vigo, nun período de cinco anos, comparándose a indución do parto fronte ao manexo expectante (evolución natural con intervención solo en caso de necesidade).

Os resultados mostran que a indución do parto a partir da semana 39 de xestación neste grupo de mulleres,  diminúe os riscos para os bebés  evitando  problemas, sobre todo a morte intraútero fetal.

Ademais, cos partos inducidos rexistráronse menos ingresos na UCI neonatal e unha menor necesidade de reanimación dos recén nacidos, sen aumentar a taxa de cesáreas.

 “Existía a idea de que coa indución do parto había máis risco de cesáreas, pero agora temos demostrado que esa asociación non é certa. Este estudo demostra  que non existe incremento das cesáreas”, asegura a doutora Marín.

O 18% das xestantes maiores de 40 anos

O pasado ano, a Área Sanitaria de Vigo rexistrou 3.103 partos dos que 569 (un 18%) foron en mulleres con idades comprendidas entre 40-50 anos;  e incluso 1 delas tiña máis de 50 anos.

Esta porcentaxe de xestantes neste grupo de idade é unha cifra que vai incrementando anualmente debido, entre outras variables, á mellora das técnicas de reprodución asistida; de feito, un 20% das xestantes deste grupo etario tiñan acudido a estas técnicas para a súa xestación.

Desde o servizo de Obstetricia do Álvaro Cunqueiro préstase un gran control do parto nas mulleres de idades avanzadas, cun protocolo específico para elas. Así, se lles adianta a monitorización  á semana 38, e a partir da semana 39 xa se lles ofrece a indución do parto.

“Intentamos ofrecerlles o máximo nivel de control da súa xestación, pero sen embargo,  é importante que as mulleres tomen consciencia de que a idade biolóxica inflúe na xestación,  establecéndose unha maior morbimortalidade  a partir dos 40  anos, sobre todo do risco de morte fetal intraútero. As mulleres deben coñecer esta información para  logo decidir libremente a actitude ó final da xestación».