Unha tese de doutoramento sitúa a prematuridade como factor de risco nas enfermidades da retina

A doutora Ana Campo.

A oftalmóloga do Chuvi, Ana Campo, acaba de doutorarse con Sobresaliente cum laude pola Universidade de Santiago, cunha tese sobre a relación entre os nenos prematuros e as alteracións na retina

A especialista en Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Ana Campo, acaba de doutorarse con Sobresaliente cum laude pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha tese titulada «Alteraciones de la microestructura vascular foveal por Angiotomografía de coherencia óptica en pacientes pediátricos con antecedentes de prematuridad».

Esta tese foi dirixida polos especialistas en pediatría, José Ramón Fernández Lorenzo e Ana Concheiro.

A retinopatía da prematuridade (ROP) é a principal causa de cegueira na poboación infantil, e é unha enfermidade exclusiva dos nenos que naceron de forma prematura, que se diagnostica, faise o seguimento e recibe tratamento (nos casos no que sea necesario) durante o período neonatal. Xeralmente se presenta en grandes prematuros, bebés de menos de 1.500 gramos ou de menos de 32 semanas de xestación.

Sen embargo, segundo explica a autora do estudo, a doutora Campo “nesta investigación constatamos que, con independencia da ROP, os nenos e nenas con antecedentes de prematuridade, non necesariamente grandes prematuros, poden presentar outras alteracións na microestrutura da mácula e que son atribuíbles á inmadurez. Polo tanto, dado que a retina non culmina o seu desenvolvemento ata os primeiros anos de vida extrauterina do neno, estas alteracións revelaríanse nunha idade máis tardía, como a idade escolar“.

Así, mentres a ROP pode diagnosticarse nos neonatos cun exame do fondo do ollo, o resto de alteracións da mácula só poden diagnosticarse en nenos algo maiores, xa que hai que sometelos a unhas probas de imaxe realizadas cun equipamento técnico concreto,  cuxa realización é inviable nos recén nados porque os dispositivos dispoñibles para o estudo desas alteracións na práctica clínica non son axeitados para os neonatos.

Estudo con técnicas de imaxe

De feito, o principal obxectivo deste estudo foi avaliar mediante técnicas de imaxe coa tecnoloxía de coherencia óptica as distintas capas que forman a retina na parte máis central, a mácula (Tomografía de coherencia óptica estrutural) e as características da zona vascular foveal (Anxiotomografía); así como a posible influenza que a prematuridade e outras variables  relacionadas poden ter no desenvolvemento microvascular  e estrutural da mácula en nenos en idade escolar.

Tamén se analizou a posible implicación que poderían ter estas alteracións no desenvolvemento cognitivo e visual dos participantes.

71 nenos entre 4 e 12 anos

Neste estudo incluíronse 71 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4-12 anos. Destes, 35 tiñan antecedentes de nacemento prematuro e os 36 restantes eran nenos sans que naceran a término.

Analizáronse diferentes variables da microestrutura macular e correlacionáronse con datos pediátricos do período neonatal como a idade xestacional, peso ao nacer, atraso no crecemento, etcétera;  así como con datos somatométricos nos primeiros 2 anos de vida e o desenvolvemento cognitivo no momento actual.

Dos prematuros cribados, 18 nenos padeceron retinopatía e 10 deles presentaron unha patoloxía grave que precisou tratamento e seguimento oftalmolóxico continuado. Só o 33% dos nenos explorados quedaron libres por completo da enfermidade (sen secuelas).

Importancia dos coidados neonatais

Entre os diferentes resultados obtidos destaca a correlación atopada entre a idade xestacional con diferentes parámetros da mácula, e que explica que a zona vascular foveal sexa de menor tamaño na poboación de nenos con antecedentes de prematuridade respecto ao grupo control. Ademais, na poboación de nenos prematuros, a fóvea presenta características anatómicas diferentes, como que son máis planas e con maior grosor.

Polo tanto, explica a doutora Campo “tras o estudo conclúese que a prematuridade, sen dúbida, demostrou ser un factor de risco independente para o desenvolvemento de alteracións da mácula. Ademais, ponse de manifesto a importancia dos coidados neonatais, dado que se atoupou unha correlación significativa e positiva entre a ganancia de peso conseguida durante os primeiros 15 días de vida do bebé e o desenvolvemento da zona foveal da retina”.