Unha tese de doutoramento deseña un método para optimizar a atención urxente ao politraumatismo infantil

O cirurxián pediátrico, Javier Gómez Veiras, doutorouse con sobresaínte cum laude pola USC co deseño dun método de validación dunha check list, ou lista de comprobación, para que os facultativos utilicen na atención urxente dun neno ou nena politraumatizado

Mellorar a atención urxente aos nenos e nenas con politraumatismos é o obxecto central da tese de doutoramento do cirurxián pediátrico do Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e investigador do Grupo de Enfermidades Raras e Pediatría do IIS Galicia Sur, Javier Gómez Veiras, que defendeu, recentemente, na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A tese, que foi cualificada cun sobresaínte cum laude, tenpor título “Elaboración dunha lista de verificación para a asistencia inicial ao traumatismo pediátrico”.  Neste estudo, o doutor Gómez Veiras establece unha ferramenta mnemotécnica -a través dunha lista de verificación- de gran axuda para o diagnóstico e tratamento da poboación infantil que presente politraumatismos, facilitando este labor aos facultativos, independentemente da súa experiencia e formación específica.

Axudar aos facultativos na atención

Ata 2009, a primeira causa de morte infantil en España era o politraumatismo, derivado, na súa maior parte, dos accidentes de tráfico.

Segundo explica Gomez Veiras “as principais causas de politraumatismos en idade infantil son os accidentes de tráfico e domésticos, o que implica o seu ingreso polo Servizo de Urxencias. Moitas veces, son pacientes de gravidade e, en ocasións, hai vítimas múltiples, o que supón unha situación complicada de abordar para os profesionais sanitarios. Esta é a razón esencial que me levou a estudar e tratar de definir unha lista de verificación, para que os facultativos teñan claro o xeito de actuar e os pasos que deben dar  ante unha situación así”.

Trátase de proporcionar información e destrezas esenciais para diagnosticar e tratar estes politraumatismos a facultativos de calquera especialidade -inclusive aos non formados especificamente no politrauma pediátrico-, e de minorar riscos e situacións de estrés propios ao afrontar situacións pouco cotiás.

Consenso con nove hospitais españois

Para a elaboración da súa tese, o doutor Javier Gómez deseñou un proceso de ideación para o que estableceu contacto cos nove centros hospitalarios pertencentes ao Grupo Español de Trauma Pediátrico, coa finalidade de poñer en común información, suxestións e procedementos e implicalos no deseño do check list.

Para este paso, empregouse a metodoloxía Delphi, co fin de acadar un consenso entre expertos sobre todos os elementos e aspectos que deberían figurar nesta lista, valorándose de forma anónima os ítems de discusión. Tras facer tres roldas de consultas, xurdiu un modelo definitivo consensuado polos integrantes de Grupo Español de Trauma Pediátrico, sendo a primeira vez que unha metodoloxía como a proposta polo doutor Gómez Veiras é consensuada por este grupo e polos nove centros que o conforman.

Traballar de xeito máis seguro, eficaz e con garantías

O seguinte paso foi establecer unha validación práctica deste método en cada centro. No caso concreto do CHUVI, contouse co apoio de 30 facultativos dos servizos de Pediatría, Medicina de Familia e Cirurxía Pediátrica, que puxeron a proba esta check list  planeando dúas contornas distintas; isto é, experimentaron dúas formas de actuación, con e sen emprego da lista, ante diferentes casos de politraumatismo infantil.

“O resultado final foi que os participantes, ao empregar este método proposto, realizaron un maior número de  tarefas de reanimación en menos tempo. Isto é, resultou de gran eficacia para diagnosticar e tratar estas patoloxías con axilidade”.

En definitiva, conclúe o doutor Gómez Veiras, este método permite aos facultativos traballar dun xeito máis seguro, eficaz e con maiores garantías.

A última fase desta tese doutoral será a súa exposición no Congreso Nacional de Cirurxía Pediátrica, que terá lugar o 11 de maio en Valencia, e na que o doutor Javier Gómez Veiras agarda obter o apoio definitivo para que sexa posta en práctica a nivel nacional.