Unha enfermeira de reanimación cardíaca premio nacional por un plan de coidados a pacientes con ECMO

Sheila Senra presentou un Plan de Coidados de enfermaría en pacientes con soporte hemodinámico de circulación extracorpórea (ECMO)

Neste Plan contempla tres piares básicos de Coidados: a atención ao Risco de infección, ao Risco de sangrado e ao Disconfort do paciente

O ECMO é unha terapia utilizada nas Unidades de críticos, nas que un equipamento técnico realiza as funcións do corazón, dos pulmóns ou de ambos órganos ao tempo

A enfermeira de Reanimación Cardíaca Postcirúrxica do Álvaro Cunqueiro, Sheila Senra Alonso, acaba de gañar un premio nacional de enfermaría no Congreso de Reanimación de Málaga, por un traballo sobre o Plan de Coidados aos pacientes con soporte hemodinámico mediante ECMO (membrana de oxixenación extracorpórea).

O ECMO é unha terapia de circulación por membrana extracorpórea moi utilizada nas Unidades de críticos. Trátase dun equipamento técnico que realiza as funcións do corazón, dos pulmóns ou de ambos órganos ao tempo.

O traballo gañador valora os coidados de enfermaría nestes pacientes, que debe pivotar en torno a 3 piares básicos de atención: ás infeccións, ao sangrado e ao disconfort. Segundo explica Sheila Senra “trátase de pacientes críticos de gran complexidade, e cunhas determinadas características, con cánulas de acceso femoral venoso e arterial, polo que presentan maior risco de infección e un maior risco de sangrado. Ademais, tamén constamos un maior disconfort, polo que é fundamental prestarlle un especial coidado ao seu nivel de dor e ansiedade, sendo moi importante o seu benestar emocional e o apoio familiar durante o tratamento”.

Importancia do traballo de enfermaría

Esta terapia con ECMO consiste na extracción do sangue do paciente, para facela pasar por unha máquina que a osixena, e posteriormente retornala ao sistema circulatorio. O sangue extraese a través dunha cánula conectada á vea femoral, na ingua, e volta ao corpo por outra cánula introducida na vea xugular do pescozo ou na arteria femoral. Así, todo o sangue do corpo humano (uns 5 litros) circula en 1 minuto a través deste circuíto externo.

O obxectivo é que o pulmón e o corazón se recuperen das súas lesións mentres a máquina realiza algunha das súas funcións. Isto é, a máquina en se mesma non cura, pero posibilita substituír a función dos órganos mentres se recuperan ou se trata a enfermidade causal.Ten unhas indicacións moi concretas, para pacientes con enfermidade respiratoria ou cardíaca grave, ou en parada cardíaca, cando o resto das terapias convencionais teñen fracasado. É unha técnica moi especializada e que require dun traballo multidisciplinar, sendo o labor de enfermaría fundamental na prestación dos coidados a estes pacientes.