‘rurALLURE’ conta con case 3 millóns de euros de orzamento procedentes do programa H2020

15 socios de seis países europeos participan nesta iniciativa multidisciplinar 

rurALLURE é unha mestura de termos en inglés (rurallure, atraer e alure, encanto) que dá nome ao proxecto internacional liderado pola Universidade de Vigo, no que participan máis dunha decena de socios de seis países europeos, e que ten por obxectivo a divulgación do patrimonio cultural que rodea ás grandes vía de peregrinación de Europa.

Financiado con preto de 3 millóns de euros procedentes do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, rurALLURE: Promoción de museos e sitios culturais en áreas rurais na contorna dos camiños de peregrinación de Europa, procurará cun enfoque multidisciplinar e o traballo de grupos de investigación de universidades, empresas, institucións públicas e museos, ampliar as experiencias dos peregrinos que discorren polas grandes vías europeas, achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación.

“Trátase de promover o patrimonio rural como un engadido cara ao interese que poida suscitar unha ruta de peregrinación que se fai de extremo a extremo ou por tramos”, explicou o docente e investigador da UVigo e investigación principal do proxecto, Martín López Nores, na presentación de rurALLURE, celebrada hoxe no campus de Vigo e na que tamén participaron o reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. 

De España a Romanía, pasando por Italia e Noruega

rurALLURE ten a súa orixe nunha conversa mantida hai un ano entre Martín López Nores e os responsables da Fundación Uxio Novoneyra, na que se falou de aproveitar o tirón do Camiño de Santiago para derivar ás e aos peregrinos a contornas rurais próximas. Tendo en conta o atractivo económico (só o ano pasado calcúlase que se xeraron 300 millóns de euros arredor do Camiño de Santiago), a diversidade do público que realiza peregrinacións e que o impacto desta actividade queda exclusivamente limitada aos lugares por onde discorren os camiños, o proxecto traballará en “desviar” o impacto desta actividade ás zonas rurais circundantes, “aumentando a visibilidade e accesibilidade a museos, lugares de interese patrimonial e cultural e expoñendo aos peregrinos a achados inesperados”, explica o investigador de atlanTTic.

Cunha duración de tres anos e a participación de universidades como a de A Coruña, Autónoma de Madrid, Bratislava, Padua, Boloña ou a Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía, o consorcio, ademais de conformar unha rede de institucións, desenvolverá unha plataforma tecnolóxica que reúna os lugares con patrimonio que rodean as grandes vías de peregrinación e institucións de interese cultural (patrimonio relixioso, etnográfico, museos, recursos naturais, etc.) e os porá en relación cos servizos da zona (aloxamento, restauración, transporte), coa finalidade de definir un produto turístico completo que enriqueza e amplíe a experiencia da peregrinación.

Co obxectivo de validar os resultados da investigación e o funcionamento da plataforma, o proxecto desenvolverá catro experiencias piloto, unha delas sobre o patrimonio literario no Camiño de Santiago, no que se poñerá en valor o patrimonio literario nas inmediacións dalgúns tramos do camiño como de Pedrafita do Cebreiro a Santiago, das Médulas a Chantada e de Porto a Vilarinho, pasando po Vila do Conde en Portugal. A partir de aí tamén se abordará o patrimonio termal nos camiños a Roma; o patrimonio etnográfico do Camiño de San Olaf (Noruega) e o patrimonio natural nas vías de peregrinación mariana a Sumuleu Ciuc (Romanía).

Unha iniciativa axeitada á era covid  

Na presentación do proxecto, no que a decana da Facultade de Historia, Susana Reboreda, incidiu na importancia de establecer colaboracións entre os ámbitos humanístico e tecnolóxico, Martín López Nores tamén se referiu ao valor extra que este proxecto adquire nun contexto afectado por unha pandemia como a xerada pola covid-19. “Os destinos rurais están a gañar interese por ser menos concorridos e polo tanto máis seguros, ao tempo que derivando aos peregrinos a outras zonas, desconxestiónanse os albergues”, explico o IP do proxecto, que tamén sinalou que estes destinos encaixan perfectamente nun contexto no que as persoas procurarán, cando pase ou remita a pandemia, alivio espiritual e experiencias lentas.