Un Plan Director para os grandes retos da automoción galega

Este Plan incorpora un paquete de medidas e axudas dirixidas ás empresas, tanto tractoras como auxiliares, e ao persoal empregado do sector.

A Xunta traballa no esbozo do documento que contempla diversas axudas económicas para fortalecer un sector estratéxico en Galicia

O sector da automoción representa máis do 16% do PIB galego e xera 25.000 empregos directos na comunidade, polo que é considerado como un dos sectores estratéxicos para Galicia. Un de cada catro vehículos que se ensamblan en España son producidos na rexión galega polas máis de 200 empresas que forman unha das cadenas de valor máis completas de Europa.

Actualmente, a automoción debe afrontar múltiples desafíos na súa transición cara unha mobilidade sostible. Por iso, a Xunta, a través da Consellería de Economía e Industria, vén traballando o Plan Director da Automoción 2024-2027 que inclúe diversas medidas para facer fronte aos retos do sector. Agora, o esbozo está sendo consensuado cos principais axentes e sindicatos deste ámbito.

A planificación estratéxica inclúe unha serie de medidas encamiñadas a fortalecer todo o tecido industrial da comunidade e promover a creación e o mantemento de emprego industrial de calidade para, deste xeito, mellorar a competitividade do sector. Entre as liñas de actuación do Plan Director 2024-2027 pódese atopar a promoción da sustentabilidade, o fomento da internacionalización, así coma o impulso da innovación e da dixitalización nos seus procesos produtivos. Ademais, tamén se contempla a atracción de inversión que reforce a industria galega aproveitando as sinerxías tanto sectoriais coma intersectoriais.

22 millóns de euros activados

No marco do Plan Director da Automoción encádranse as axudas que a Consellería de Economía e Industria vén publicando nos últimos meses. En maio, a Xunta anunciou a convocatoria dunha liña de apoio extraordinario de 18 millóns de euros ás empresas auxiliares do sector da automoción. Así, poderán beneficiarse de axudas de ata 300.000 euros para a adquisición de nova maquinaria ou a reforma das instalacións, podendo cubrir ata un 70% dos gastos subvencionables. Nesta mesma liña, tamén se ofrecen aportacións de ata 700.000 euros para os custes de actuacións de eficiencia enerxética ou implantacións de enerxías renovables.

Tan só unhas semanas máis tarde, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), encadrada na Consellería de Economía e Industria, asinou un convenio de colaboración co Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG) polo que se convoca unha liña de axudas de 4 millóns de euros ao sector para promover a mellora tecnolóxica en toda a cadena de valor. Así, as empresas poderán beneficiarse das subvencións para a adquisición de equipos e instalacións técnicas.

Todo isto enmarcado nun Plan Director da Automoción 2024-2027 co que a Xunta pretende afrontar os grandes retos dun sector estratéxico en Galicia, con especial atención na transición cara unha mobilidade sostible. Un sector que aglutina o 14,8% da poboación ocupada en Galicia —por enriba da media estatal (13,3%)— e que factura 13.000 millóns de euros ao ano.

Axudas á automoción

Nestas liñas, o Plan da Automoción incorpora un paquete de medidas e axudas dirixidas ás empresas, tanto tractoras como auxiliares, e ao persoal empregado do sector. Unha das medidas de maior impacto é a posta a disposición do empresariado de máis de medio millón de metros cadrados de solo industrial a custe cero durante os primeiros oito anos.

No ámbito da internacionalización, a Xunta contempla diversas axudas para a promoción exterior das empresas e o fomento da exportación, así coma o apoio das oficinas do Igape no estranxeiro. Ademais, a nova Oficina Económica de Galicia tamén ofrecerá o seu asesoramento ao sector da automoción, que tamén se verá beneficiado do Programa de unidades mixtas de investigación ou dos renovados Bonos Talento Empresa da Xunta.