Un grupo de profesionais do CHUVI editan o calendario solidario “Amanecer 2022” cunha temática centrada en películas de cine

Os beneficios do Calendario irán destinados á Asociación de Doantes de Órganos de Vigo, ADROVI

Un grupo de profesionais da Área Sanitaria de Vigo presentaron hoxe a quinta edición do calendario solidario “Amanecer 2022”, que eles mesmos protagonizaron. Os beneficios do calendario irán destinados á Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo, ADROVI.

Este grupo, coordinado pola TCAE (Técnica de Coidados Auxiliares de Enfermaría),  Carmen Pellitero, está composto por 50 traballadoras e traballadores de diferentes categorías profesionais, xa que ademais da enfermaría participaron celadores, persoal de seguridade así como o facultativo e xefe de servizo de HADO, Luis Amador, e  o  Coordinador de Transplantes, Lucas Lage.

Realizouse unha tirada inicial de 1.200 calendarios e a previsión é acadar 12.000 euros de recadación.

Fotografías sobre películas de cine

Este ano a temática do calendario versou sobre carteis de películas de cine, para o que contaron coa colaboración desinteresada do fotógrafo Anxo Rey, do estudo de deseño gráfico Pepe Fernández e da Floraría Liken. Así, os profesionais convertéronse nos protagonistas de películas como Titanic, Casablanca, Fiebre del Sábado Noche ou series como Juego de Tronos, entre outras. O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, felicitou ao comité organizador por ter conseguido consolidar esta iniciativa solidaria, “que comezou coa participación de sete persoas e hoxe en día xa conta con medio centenar de profesionais, e nestes momentos xa é un clásico do nadal na Área sanitaria de Vigo. Ademais é outro exemplo da solidariedade e compromiso dos profesionais da sanidade pública viguesa cos pacientes e a sociedade”.