O doutor Manuel Penín realizou unha compilación da información endocrinolóxica que durante unha década viña difundindo por correo electrónico aos médicos de familia
En tan solo unha semana o libro acadou o número 1 de ventas en Amazon entre os libros de endocrinoloxía
O especialista en Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario de Vigo, Manuel Penín, ven de publicar un libro dirixido aos médicos de familia, titulado “Endocrinología para médicos de atención primaria”.
Trátase dun manual con información relacionada coa especialidade e que recolle aquelas novidades que puideran ser relevantes para a formación continuada dos médicos de primaria.
Segundo explica o doutor Penín “durante unha década, a través do correo electrónico,fun difundindo información aos compañeiros e compañeiras de atención primaria sobre as novidades no manexo das patoloxías máis comúns nas súas consultas, como a diabetes ou as patoloxías tiroideas. Ante a resposta tan positiva recibida ao longo destes anos, decidinme a compilar todas esas informacións nun libro”.
Número 1 en Amazon
Na primeira semana da súa publicación o libro acadou ser o primeiro número de ventas en Amazon entre os libros de endocrinoloxía, e o número 11º entre todos os de medicina.
O doutor Penín, que non se esperaba este éxito, afirma que “o novo formato pretende servir de utilidade aos médicos de familia, ofertándolles unha especie de guía práctica da endocrinoloxía. Trátase tamén dunha ferramenta máis para seguir avanzando na coordinación entre atención primaria e hospitalaria”.
Este manual, que ten 200 páxinas, está estruturado en diferentes capítulos, e cada un deles aborda unha cuestión relevante relacionada coa práctica da especialidade como a diabetes, tiroides, alimentación e nutrición, urxencias e estatística.