O prazo para presentar propostas remata o 30 de maio e repártense 2.000 euros en premios
A Deputación de Pontevedra pechará o vindeiro venres 30 de maio o prazo para participar na primeira edición dos premios Xuventude en E-maxes, unha convocatoria que busca implicar á mocidade da provincia nun proxecto creativo e participativo ligado á sección de Xuventude do portal institucional.
A iniciativa premia imaxes que representen a diversidade da mocidade pontevedresa, sen texto, e divídese en dúas categorías: portadas para as seccións ‘Espazo Deputación’ e ‘Espazo Concellos’ (300 euros cada unha), e recursos dos concellos, destinada a centros educativos de primaria e secundaria que poderán presentar traballos por aula.
Seleccionaranse 61 imaxes gañadoras, unha por concello, que ilustrarán o espazo web e formarán parte dunha exposición especial no marco do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes. Ademais, tres destas imaxes recibirán premios extraordinarios de 650, 450 e 300 euros, que se destinarán a actividades educativas ou compra de material.
A convocatoria busca reforzar a identidade visual da mocidade da provincia e promover a creatividade, a participación e o sentimento de pertenza da xuventude nos 61 concellos pontevedreses.

