Tui inaugura a exposición fotográfica «Fillos do océano»

Mañá, mércores 11 de novembro, ás 11.00 h, na Sala Municipal de Exposicións, onde se poderá visitar ata o día 6 de decembro

Esta exposición enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre o Concello de Tui, ABANCA e Afundación

A Sala Municipal de Exposicións de Tui acollerá mañá, mércores 11 de novembro, ás 11.00 h, a inauguración da exposición «Fillos do océano», un proxecto fotográfico de Javier Teniente. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Tui, ABANCA e Afundación. Na apertura da mostra estarán o alcalde, Enrique Cabaleiro González; a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla; Ángela Rodríguez Miguens, responsable Zona Condado Baixo Miño de ABANCA; Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación e Noelia Vaqueiro, directora da oficina de ABANCA.

As comunidades de pescadores artesanais de todo o mundo, así como as mulleres e homes que viven por e para o mar, son as protagonistas da exposición «Fillos do océano», que reúne imaxes únicas de lugares como Galicia, Senegal, Andalucía, Nicaragua, India, Sri Lanka, Brasil, Panamá, Madagascar, Vietnam, Noruega ou Indonesia. Poderase visitar ata o vindeiro 6 de decembro, de luns a venres en horario de 09.00 a 14.00 h e de 15.30 a 21.00 h e os sábados de 09.00 a 14.00 h.  Tanto os accesos á sala de exposicións como a circulación dentro do espazo expositivo foron adaptados á normativa fixada polas autoridades sanitarias para garantir en todo momento a seguridade do público que visite a mostra.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural» que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Evento Apertura da exposición «Fillos do océano» en Tui
Lugar Sala Municipal de Exposicións (Edificio Francisco Sánchez. Área Panorámica. Rúa Colón, 2)
Data e hora Mércores, 11 de novembro, ás 11.00 h
  Asistencias Enrique Cabaleiro González, alcalde Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Cultura Ángela Rodríguez Miguens, responsable Zona Condado Baixo Miño de ABANCA Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación Noelia Vaqueiro, directora da oficina  de ABANCA en Augusto González Besada (Tui)