Tomiño supera as 1.000 incidencias resoltas a través da app ‘Liña verde’

Imaxe da portada da aplicación.

O alumeado público e o baleirado de fosas sépticas, as incidencias máis comúns

A app móbil ‘Liña Verde’ de Tomiño naceu hai apenas seis meses co obxectivo de ofrecer á veciñanza un método de comunicación sinxelo e directo co Concello usando as novas tecnoloxías. Hoxe xa se superan as 1.000 incidencias solucionadas a través desta aplicación, a maioría delas (68,7%) resoltas en poucos días.

As principais demandas veciñais solucionadas a través da app son:

  • As relacionadas co alumeado público, que ocupan o primeiro posto ao supoñer o 36%
  • As relacionadas co baleirado de fosas sépticas (13%)
  • Aquelas que teñen que ver coas fochancas (11%) ou co lixo (10%).
  • Os problemas relacionados coa limpeza de camiños (5%)
  • Os que atenden á vía pública (4%)
  • As solucións sobre escolas (3%)

Este iniciativa virtual permite unha resposta municipal eficiente ás incidencias da veciñanza, cun tempo de resolución que varía dependendo do problema e dos recursos dispoñibles. Así, por exemplo, as incidencias relacionadas co alumeado público resólvense nas primeiras 48 horas, mentres que no caso do baleirado de fosas sépticas pasa a ser de 3 ou 4 días e ou de entre unha e dúas semanas como máximo na limpeza de xardíns e zonas verdes.

Dende a posta en marcha desta iniciativa virtual xa se recibiron máis de 1.500 peticións por parte da veciñanza, das que arredor do 70% xa foron resoltas e outro 13% están en proceso.

Trátanse de datos moi positivos que poñen de manifesto a gran utilidade da aplicación e “a implicación e participación cidadá, o que permite á súa vez dar unha resposta rápida a calquera problemática que poida xurdir”. “A app Liña Verde converteuse nunha importante ferramenta de comunicación entre a veciñanza e o Concello, o que nos permite coñecer mellor as súas necesidades e actuar dunha maneira máis eficaz, dando solución con celeridade ás incidencias”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Para empregar esta aplicación gratuíta ‘Linea Verde’ só é necesario descargala dende Google Play ou APP Store. Selecciónase o municipio de Tomiño e xa se pode comunicar o problema premendo o botón “nova incidencia”, escollendo a tipoloxía de incidencia e achegando unha foto e unha explicación sinxela. A persoa recibirá unha notificación no seu móbil comentando o progreso do caso.