Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta mañá a súa nova proposta expositiva enmarcada no programa «Cultura por alimentos»
A través dun percorrido multidisciplinar pola produción da cultura pop poderanse ver pezas e obxectos presentes en obras emblemáticas deste movemento
Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta mañá na súa sede de Vigo a mostra «This is pop. Das latas de Andy Warhol ás túas», unha proposta enmarcada no programa «Cultura por alimentos», que a entidade acaba de poñer en marcha e que anima a que as persoas visitantes e usuarias de actividades de Afundación contribúan con alimentos non perecedoiros depositados nos colectores habilitados para seren doados aos bancos de alimentos. O acto de inauguración, en rolda de prensa, terá lugar ás 10.30 h na Sala de Exposición 1 da Sede Afundación Vigo e contará coa asistencia de Antonella Montinaro, comisaria; Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación; e Iván Martínez, presidente do Banco de Alimentos de Vigo. Ás 19.00 h, ademais, a comisaria ofrecerá unha visita guiada cuxa inscrición se pode formalizar aquí.
A través dun percorrido multidisciplinar e de carácter divulgativo, o público poderá contemplar desde as serigrafías de Marilyn Monroe elaboradas por Andy Warhol, ata as famosas latas Campbell protagonistas da súa produción, ou a repercusión en España co Equipo Crónica, pasando pola arte pop en Reino Unido e a continuidade no pop urbano. A mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase contemplar ata o 27 de novembro de luns a sábados de 17.30 a 20.30 h.

