A Asociación veciñal reivindica unha vez máis esta infraestrutura e propón que o edificio que ocupaba o antigo centro de saúde na rúa Enrique Lorenzo, pechado desde o ano 2000 e cunha superficie de 1.000 metros cadrados, se destine a este uso
A Asociación Veciñal de Teis, coincidindo coa celebración do día do Libro este 23 de abril, denuncia que o barrio vigués leva dez anos agardando pola construción da biblioteca para a parroquia, «anunciada por Abel Caballero, alcalde de Vigo, nas olimpíadas escolares de Teis».
Desde a Asociación reivindican unha vez máis que Teis necesita unha biblioteca e propoñen que o edificio que ocupaba o antigo centro de saúde na rúa Enrique Lorenzo, pechado desde o ano 2000, cunha superficie de 1.000 metros cadrados, se destine para biblioteca entre outros usos dotacionais.
Unha biblioteca con libros
A Asociación defende que este edificio acolla unha «biblioteca do século XXI». «Queremos que este edificio conte con libros, e non se limite a unha simple sala de lectura, como pretende o goberno municipal», subliñan.
«Despois de 10 anos e de que Abel Caballero, citara o proxecto publicamente en 20 ocasións, só hai anuncios e infografías, de feito o último anuncio é que a biblioteca estaría en funcionamento en 2022, pero a día de hoxe aínda, nin se comezou o derrubo do actual edificio, nin hai unha data para o comezo das obras e non coñecemos cal é o proxecto definitivo para este edificio», conclúen nun comunicado remitido hoxe aos medios.

