Tanxugueiras e Kiko Veneno súmanse ao TerraCeo o 19 de agosto

Foto: Tanxugueiras

Ademais, Rulo y la Contrabanda dará un segundo concerto o 22 de agosto, dado que xa están esgotadas as entradas para o que xa estaba previsto o día 21

A terraza do Auditorio Mar de Vigo acollerá o 19 de agosto, ás 20.30 horas, dúas propostas musicais tan diferentes como a das galegas Tanxugueiras e a de Kiko Veneno, que están preparando para esta ocasión varios temas para interpretalos conxuntamente, un feito inédito, que será un dos grandes momentos deste TerraCeo 2021.

Á programación da segunda edición do festival súmase ademais un novo concerto de Rulo y la Contrabanda. El grupo esgotou entradas para a súa actuación do día 21 e repetirá un día despois. Con estes concertos xa son 45 os postos á venda en www.teuticket.com e a programación seguirá aumentando ata alcanzar o medio centenar.

Tanxugueiras é un dos grupos musicais que máis atención están reclamando no panorama galego actual con máis de cen concertos desde o lanzamento do seu primeiro disco. Pola súa banda, Kiko Veneno agasallou ao público de TerraCeo xa o ano pasado e a súa presenza volveu ser reclamada polo público este ano.

O festival mantén unha excelente acollida de público da súa primeira edición e durante o primeiro mes de concertos -maio – completouse a totalidade do aforo chegando ao 97% e respecto ao mes de xuño, están esgotadas preto do 90% das entradas.