Tameiga instalará paneis fotovoltaicos que abaratarán un 30% a enerxía de empresas e veciñanza

A Comunidade de Montes investirá 100.000 euros anuais para a xeración de enerxía verde, colectiva e de quilómetro cero

Ao final do proxecto, os paneis instalados nas naves de Monte Faquiña producirán o equivalente ao consumo anual de máis de 1.600 vivendas

A Comunidade Enerxética de Tameiga foi elixida como un dos 25 proxectos europeos de interese que contan con asistencia técnica presencial para levalo adiante

A Comunidade de Montes investirá 100.000 euros cada ano para instalar paneis fotovoltaicos nas cubertas das naves de Monte Faquiña e xerar así enerxía verde, colectiva e de proximidade que beneficie a empresas e comuneiros, cun aforro mínimo estimado do 30% na súa factura.

Tameiga, co apoio da cooperativa Ecooo Energía Ciudadana, vén de presentar o seu novo proxecto de Comunidade Enerxética con paneis fotovoltaicos, que se suma ao xa existente de subministro de biomasa á súa veciñanza. O obxectivo é a xeración de enerxía limpa, colectiva e de proximidade que non só reduza as emisións de carbono, senón que tamén rebaixe o custo da enerxía ás empresas e veciños de Tameiga que voluntariamente queiran participar.

A implantación será progresiva. O 2024 comezará coa renovación dos contratos das instalacións xa construídas e en funcionamento, para convertilos ao autoconsumo colectivo. A partir de entón, Tameiga ampliará a súa comunidade enerxética a razón dunha instalación nova nas cubertas das naves de Monte Faquiña cada ano. Así, en catro anos poderíase cubrir o reparto de 1 kWp a cada un dos 420 comuneros actuais que forman parte da Comunidade de Montes de Tameiga, unha cantidade total equivalente ao consumo anual de máis de 150 fogares.

A Comunidade Enerxética de Tameiga presenta vocación de continuidade e está plantexada a longo prazo. Segundo os cálculos realizados polos técnicos de Ecooo, en Tameiga podería chegar a instalarse entre 4.000 kWp e 5.000 kWp de enerxía solar fotovoltaica nas cubertas das naves de Monte Faquiña, cantidade equivalente ao consumo anual de máis de 1.600 fogares.

Para a Comunidade de Montes de Tameiga, este proxecto responde á necesidade de transformar o sector enerxético actual, facendo protagonistas aos consumidores que agora tamén se converterán en produtores da súa propia enerxía. O obxectivo da entidade comuneira con este proxecto é fortalecer o tecido social e económico do territorio, mentres se diminúe a pegada de carbono.

Un proxecto de interese europeo

A comunidade enerxética de Tameiga foi incluida no programa europeo “Energy Communities Repository”, un dos só 25 proxectos en Europa que recibiron asistencia técnica presencial para levalo adiante. Desta forma, a empresa “Ecooo Energía Ciudadana”, de ampla experiencia na materia, visitou a parroquia en xuño para definir os traballos a realizar en Tameiga.

No verán, os técnicos visitaron Tameiga e as naves de Monte Faquiña. Recabaron información e elaboraron un informe cun plan de desenvolvemento e implementación do autoconsumo de proximidade en Tameiga (que contempla o estudo fotovoltaico das instalacións sobre as cubertas do polígono). Ademais, colaboraron na redacción dun borrador de regulamento interno do uso das instalacións de autoconsumo colectivo, que inclúe o reparto da enerxía, as entradas e saídas de autoconsumo, os pagos e os dereitos e obrigacións dos participantes.

Dito estudo foi presentado á veciñanza de Tameiga o pasado 22 de novembro, no centro social As Pedriñas.