Susana Rodríguez Gacio amadriña a biblioteca escolar da aula hospitalaria do Álvaro Cunqueiro

O espazo conta con 2000 volumes de literatura infantil e xuvenil

A médico e deportista de elite, Susana Rodríguez Gacio, amadriñou hoxe a Biblioteca Escolar da Aula Hospitalaria do servizo de Pediatría do Álvaro Cunqueiro.

O evento foi presidido polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, e contou  coa participación do xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares. No transcurso do acto descubriuse unha placa conmemorativa.

Esta iniciativa xurde a raíz da inclusión da Biblioteca da Aula Hospitalaria na Rede de Bibliotecas escolares da Xunta de Galicia. Segundo explica a coordinadora de Atención Educativa Domiciliaria, Chus Iglesias, “propuxémonos neste curso escolar afianzar un dos nosos obxectivos na Aula Hospitalaria: o fomento da lectura e a dinamización da Biblioteca como espazo de aprendizaxe, divertimento e crecemento para a nosa especial comunidade educativa.”

Nesta liña de dinamización decidiuse que a Biblioteca fose amadriñada por Susana Rodriguez Gacio.

Neste senso, o xerente da Área Sanitaria, Javier Puente dixo  que “non se me ocorre mellor madriña que Susana; é un modelo de diversidade, e a que mellor representa os valores que deben inspirarnos, destacando a súa capacidade de superación, fortaleza e valentía. A maiores, ten un fermoso vínculo co ámbito sanitario pola súa profesión médica e traballa no Chuvi”.

Susana é viguesa, médico especialista en Rehabilitación e deportista de élite. Foi Campiona paralímpica de tríatlon adaptado, e conta con varios títulos mundiais, entre eles o Ouro nos Juegos paralímpicos de Tokio 2020. 

O xerente, rematou agradecendo o apoio da Consellería de Educación a esta Biblioteca e a Aula Hospitalaria, e fixo mención especial ás docentes, a Chus Iglesias e Amalia Pérez,  “que lideraron esta iniciativa, e que son as verdadeiras artífices de que nosos  pequenos pacientes manteñan o nivel educativo durante a súa estadía hospitalaria e continúen coa súa aprendizaxe, non solo con actividades académicas, senón tamén lúdicas e recreativas”.

2000 libros na Biblioteca Escolar

A Biblioteca Escolar da Aula Hospitalaria dispón de máis de 2000 volumes de literatura infantil e xuvenil, para consultas e préstamos.

A Aula Hospitalaria conta con dúas profesoras, cuxo traballo consiste en que os nenos e nenas ingresados perdan a menor actividade escolar posible durante súa estadia hospitalaria.  Atenden unha media diaria de 20 alumnos e alumnas, tanto na aula como nas súas habitacións.

Ademais, coordinan un programa  da Consellería de Educación, a través do que 4 profesores desprázanse semanalmente aos domicilios dos escolares que deben permanecer nos seus domicilios por un período de tempo, por prescrición facultativa.