Sinsal SON Estrella Galicia 2023 celebrarase na illa de San Simón os días 21, 22 e 23 de xullo

Foto: Sinsal 2022 © Olalla Lojo

O festival, cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca na illa, apostará neste 2023 por unha programación aberta a todos os estilos e experiencias con artistas procedentes de África, Asia, América e Europa

O evento contará con tres escenarios, nos que actuarán máis de vinte bandas e solistas: moitas delas presentarán por vez primeira en Galicia ou España os seus proxectos musicais

Sinsal SON Estrella Galicia foi recoñecido esta fin de semana nos Iberian Festival Awards, celebrados en Maia (Portugal), como o festival de música de España máis relevante pola súa contribución á igualdade

Auga, unha illa e, coma sempre, un cartel secreto. Sinsal SON Estrella Galicia celebrará unha nova edición do festival na illa de San Simón os días 21, 22 e 23 de xullo de 2023. Serán tres xornadas de directos con propostas musicais contemporáneas e diversas en canto o estilo e a orixe das máis de vinte bandas e artistas que participarán na súa programación secreta: o público só descobre quen actúa cada día unha vez desembarca esa mesma xornada na Illa.

Sinsal SON Estrella Galicia é un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, que ofrece cada ano, a un público reducido -800 persoas por día- a posibilidade de gozar dunha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento. Desde os seus inicios, a promotora Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para creadoras e creadores do ámbito internacional. Todas elas, chegadas desde os cinco continentes, presentaron en San Simón as súas propostas musicais para, anos despois, ser parte de carteis de grandes festivais e de salas de concertos de todo o mundo. Este ano, Sinsal SON Estrella Galicia volverá acoller a estrea estatal de numerosas agrupacións e solistas chegadas doutros países. Artistas que, tamén como é habitual no festival, convivirán co público asistente durante a súa estancia no corazón da Rías Baixas.

A edición 2023 do festival desenvolverase en horario diurno. O público chegará en barco ata a illa para gozar das actuacións, que este ano terán lugar en tres escenarios diferentes nos que se poderá gozar dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons populares até a música experimental, pasando por outras iniciativas sonoras; ademais de coñecer o patrimonio oculto da illa a través de diferentes actividades divulgativas que se desenvolverán en diferentes horarios ao longo o día. Asi, durante toda xornada, e ata coller o barco de volta co solpor, as e os asistentes poderán experimentar unha proposta singular única no panorama musical estatal, na que música, cultura, diversidade, igualdade e sostibilidade conviven co patrimonio natural dun espazo declarado Ben de Interese Cultural.