Sherpa do Mar dá a coñecer os 12 proxectos empresariais de base tecnolóxica gañadores do seu programa de emprendemento

Durante 14 meses participarán nun programa de asesoramento especializado

Doce proxectos empresariais de base tecnolóxica do ámbito mariño-marítimo de Galicia e o norte de Portugal van recibir apoio para a súa valorización e posta en marcha a través de Sherpa do Mar, un programa europeo liderado polo grupo de investigación REDE da Universidade de Vigo e no que tamén participan Campus do Mar e a oficina de I+D. Este martes déronse a coñecer os 12 proxectos gañadores da primeira edición do seu programa de emprendemento Sherpa Journeys, unha iniciativa coa que os socios do programa queren axudar a impulsar a creación de produtos e servizos innovadores que acheguen solucións de alto valor engadido a necesidades reais do ámbito mariño-marítimo.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

Os proxectos seleccionados nesta primeira edición destacan polo seu gran compoñente innovador e ofrecen respostas de alto valor engadido a retos como a dixitalización, o uso sostible dos recursos, a seguridade e trazabilidade alimentaria, o ecoturismo ou a protección e conservación do ecosistema mariño. A maior parte atópanse en fase de concepción e prototipado, aínda que tamén están presentes iniciativas emprendedoras e de interemprendemento en fases de maduración máis avanzadas.

Todas estas iniciativas accederán a un programa especializado e de apoio integral, de 14 meses de duración, no que estarán acompañados dun xestor especializado en promoción do emprendemento e transferencia de tecnoloxía e coñecemento e recibirán asesoramento científico-técnico. Durante este proceso contarán con mentorización, formación, xornadas de networking, así como servizos e medios técnicos para consolidar o seu desenvolvemento e crecemento. Trátase de crear un ecosistema transfronteirizo de emprendemento innovador no ámbito mariño-marítimo e da blue economy, que favoreza a xeración de emprego, as sinerxías e a competitividade empresarial.

Uso sostible dos recursos, trazabilidade alimentaria, ecoturismo…

Abárcanse sectores como o acuícola, o conserveiro, o portuario, a pesca ou o turístico. A listaxe dos 12 proxectos seleccionados inclúe: MyUniSex,  que propón a produción de liñas de mexillón unisex a gran escala e de forma sostida ao longo do ano; ActivaeAlgae, centrado na creación de produtos cosméticos de orixe natural, baseados en extractos de microalgas e con propiedades antiinflamatorias, hidratantes ou protectoras contra os raios ultravioletas; Bima, dirixida ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas baseadas en GIS e enfocadas a mellorar a competitividade do sector portuario; Subgo, proxecto de realidade virtual, aumentada e mixta dirixida á investigación e divulgación científica de paisaxes submariñas con aplicacións no sector da educación e do ecoturismo; ValBioSea, extracción para a selección de compostos bioactivos, de alto valor engadido; DanteRoNPs, solucións de tecnoloxía de eliminación de nano-plásticos no ecosistema mariño; Fish & Food Technology, de trazabilidade e seguridade alimentaria de produtos pesqueiros; Sailing For Science, enfocado na creación de experiencias de turismo científico mariño; Container Over Board System, un sistema de localización de contedores  e flotabilidade que permita xerar alertas que reduzan a xeración de vertidos contaminantes ou posibles situacións de risco para a navegación ou o medio mariño; Blue Bioprana, solucións de biotecnoloxía que reducen o impacto ambiental; ABZU Maritime Platform, unha plataforma de operacións portuarias; e Basemar, balizas con fondeo ecolóxico para sinalización marítima e de parques de cultivo de marisco que ofrecen datos en tempo real.

Recibíronse máis de 60 candidaturas

Liderado polo grupo REDE e coa participación de Campus do Mar e a Oficina de I+D da Universidade de Vigo, Sherpa Journeys conta tamén co apoio do Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación ( GAIN) e as universidades de Santiago e A Coruña. Por parte de Portugal, participan a Associacão de Transferência de Tegnologia de Asprela ( UPTEC), a Universidade do Porto, o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental ( CIIMAR) e o Forum Oceano- Associacão dá Economia do Mar.

Nesta primeira edición do programa presentáronse  a esta iniciativa máis de 60 propostas que formarán parte dun catálogo de ideas de negocio en liña, onde se lles dará a oportunidade de gañar visibilidade para establecer contactos con potenciais colaboradores e investidores. Este directorio web vai estar tamén aberto a emprendedores que non participaron na convocatoria. O único requisito é que a idea de negocio estea afincada en Galicia ou no norte de Portugal e que cubra unha necesidade do sector mariño-marítimo baseada en coñecemento científico-técnico.