A Deputación organiza entre o 2 e o 6 de xuño actividades sobre SEO, redes sociais, impresión 3D e rexistro de marcas
A Deputación de Pontevedra, a través da súa rede SmartPeme+, ofrecerá entre o luns 2 e o venres 6 de xuño seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica, tanto en formato presencial como telemático, co obxectivo de reforzar as competencias dixitais das pemes, persoas autónomas e emprendedoras da provincia.
Obradoiros para mellorar o posicionamento, a seguridade e a estratexia de marca
O calendario comeza o luns 2 cun curso sobre redacción web orientada ao SEO, desde a oficina de Ponteareas. O martes 3, desde Vigo, abordarase o rexistro de marcas, mentres que o mércores 4 se centrará na ciberseguridade a través dun obradoiro sobre xestión de incidentes en centros SOC/NOC, e outro curso presencial en Cambados sobre social media listening.
O xoves 5 será a quenda da impresión 3D, cunha sesión sobre as ferramentas máis actuais do sector, e tamén terá lugar un obradoiro sobre optimización SEO avanzada. Finalmente, o venres 6 pecharase a semana cun curso presencial para crear tendas en liña con Prestashop.
Un investimento para o crecemento tecnolóxico
SmartPeme+ conta este ano cun orzamento de 1,45 millóns de euros, que permite asesorar a preto de 2.500 emprendedores ao ano desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo, ofrecendo máis de 200 talleres e actividades formativas.

