O Servizo Galego de Saúde traslada o seu agradecemento ao conxunto de profesionais que desenvolven o seu labor nos centros de Atención Primaria do Sergas. Así, o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, visitou nos últimos días diferentes centros de saúde da área, nos que se mantén unha alta actividade. O xerente da área sanitaria viguesa agradeceu o compromiso e o traballo dos sanitarios de Atención Primaria que, nalgúns casos, realizan prolongacións de xornada para atender ao máximo número de pacientes.
O obxectivo prioritario do Sergas é ofrecer a mellor atención posible aos pacientes nun contexto de pandemia, con facultativos de vacacións, ou de baixa laboral por enfermidade. Neste senso, o xerente pon en valor o traballo que están a desenvolver os profesionais duns centros de saúde que atenden entre 40 y 60 consultas diarias de media, como son os de Navia, Cangas, Oia, Beiramar, A Guarda, Teis, Beiramar o Ponteareas.
Para resolver o déficit de facultativos, é fundamental que o Goberno central se comprometa a crear novas prazas de formación MIR, de maneira que o SERGAS poida acceder a unha futura contratación extra de médicos que, nas circunstancias actuais, non é posible.
Respecto dos axustes nos centros de saúde, salientar que as decisións sobre a organización do traballo diario, son recomendacións consensuadas entre os facultativos e a xerencia da área sanitaria. Nos últimos días, incluso, foron os propios médicos/as os que solicitaron á dirección de Atención Primaria de Vigo que se tomaran medidas, axustando a actividade ás extraordinarias circunstancias sanitarias, nun contexto de explosión de casos COVID, baixas laborais e vacacións de sanitarios, xa programadas.
As direccións valoran diariamente a situación dos centros de saúde e, naqueles con máis dificultades de cobertura, búscanse actuacións para garantir unha adecuada asistencia á poboación.
Por outra banda, o Sergas e a Consellería de Sanidade agradece o traballo de todos profesionais da Atención Primaria galega, ao tempo que rexeitan e lamentan as declaracións, tanto de PSOE, como de BNG, e outras organizacións autoproclamadas en «Defensa da Sanidade Pública», nas que poñen en dúbida os axustes solicitados, en moitos dos casos, polos propios profesionais de Atención Primaria.

