Sanidade cribará a máis de 9.000 persoas de Redondela e Salceda de Caselas

En Redondela xa se tiña realizado un cribado no mes decembro, e decidiuse acometer outro novo ante a elevada incidencia da Covid-19 rexistrada

Con Salceda de Caselas se completa o cribado realizado na comarca de Louriña

O obxectivo  é identificar ao maior número de persoas que estean infectadas pero non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública

A Área Sanitaria de Vigo continúa desenvolvendo a estratexia para realizar cribados poboacionais a persoas asintomáticas para detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos. Neste contexto, nestes días vaise realizar estes cribados, mediante a proba PCR, a 9.000 persoas dos concellos de Redondela e Salceda de Caselas. De feito, as persoas seleccionadas xa están acudindo hoxe a realizarse a proba PCR no Covid-Auto do Meixoeiro, e o farán durante toda a semana.

Se ben en Redondela xa se tiña realizado un cribado no mes decembro, a Consellería de Sanidade decidiu acometer outro novo ante a elevada incidencia da Covid-9 rexistrada. Así  vanse citar a 3.000 persoas de Redondela e outras 3.000 de Chapela.

En relación con Salceda, convocarase tamén a outras 3000 persoas. Con esta actuación complétase o screening poboacional na comarca de Louriña, onde xa se realizou no Concello de Mos e estes días estase efectuando en Porriño.

O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan coa súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.

Participación voluntaria

A Área Sanitaria de Vigo oferta participar nesta estratexia a unha porcentaxe da poboación no rango de idade entre 20 e 70 anos; que non teña realizada unha proba PCR no que vai de ano; e dispoña dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos “Lembra”, que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.

As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario habilitado, no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu posterior procesamento.