Samil e o Vao terán de novo cintas separadoras para distribuír á xente en cuadrículas

O Concello instalará de novo en Samil e no Vao cintas separadoras que servirán para parcelar e, polo tanto, distribuír axeitadamente á xente nos areais durante o próximo verán. Nunha rolda de prensa ofrecida en Samil, Caballero explicou que as dúas grandes praias urbanas da cidade se dividirán con cintas de cores para reservar espazos a un número de persoas que será determinado en cada momento en función das directrices sanitarias, cunha capacidade máxima de 15.000 persoas.

Samil contará con 200 bandas e no Vao instalaranse un centenar. Este sistema funcionará desde finais de xuño ata o mes de setembro, época de máxima afluencia ás praias, cando xa estará operativo tamén o servizo de socorrismo. Nun contexto no que a vacinación empeza a vencer á pandemia, o rexedor sinalou que “esperamos unha moi importante afluencia nas praias de España e de Vigo pero de todos modos se houbera algún baremo ou capacidade máxima, con este sistema aseguramos que distribuímos á xente”, apuntou Caballero.

Na súa intervención lembrou que Vigo é a cidade española con máis bandeiras azuis e destacou os importantes servizos dos que dispón a praia de Samil, con catro piscinas, tres instalacións deportivas, unha pista de patinaxe, unha zona verde «inmensa» e aparcamentos. “Non hai unha soa praia en España con tantos servizos gratuítos”, destacou o rexedor.