Hai dous técnicos con formación específica en Samil e dous no Vao amais de voluntarios para garantir a prestación do servizo

Abel Caballero achegouse este xoves a Samil onde presenciou o funcionamento do servizo de accesibilidade para o baño de persoas con mobilidade reducida que se presta neste areal e en O Vao ao longo do verán. O Concello pon a disposición dos usuarios baños adaptados con cadeiras anfibias, axuda no acceso e saída da praia, cesión de muletas e cadeiras anfibias, dúas grúas hidráulicas para a mobilidade dos usuarios desde a súa cadeira de rodas ata a anfibia e viceversa, padiolas e biombos para facilitar os cambios de roupa e dúas carpas para facilitar zona de sombra anterior e posterior ao baño.

Segundo detallou o rexedor, hai dous técnicos con formación específica en Samil e dous no Vao amais de voluntarios para garantir a prestación do servizo que, este verán, experimenta un «aumento moi importante na demanda. O número de baños no mes de xullo foi o dobre que o ano anterior», apuntou. Pode solicitarse directamente nos postos de socorrismo e salvamento, reservar por correo (serviciospmr@salvar.es) ou no teléfono 609 19 62 20.

Amais, Caballero informou do reparto de pulseiras identificadoras para nenas e nenos na praia, nas que se escribe o nome, apelidos do menor e o teléfono de contacto dos seus pais. Poden solicitarse tanto nos postos de socorrismo e salvamento como á policía de praia en Rodas, Fortiñón, Canido, O Vao, Fontaíña, Samil, Argazada, Tombo do Gato, Carril e A Punta. O alcalde apuntou que cando se perde un neno é frecuente que as familias «entren en estado de shock e teñan dificultades para describilos» polo que as pulseiras axudan moito nestas situacións.