Rueda subliña que o PPdeG sae a gañar as autonómicas e conta coa experiencia, o equipo e as ganas da provincia de Pontevedra

O presidente manifesta o seu compromiso por seguir baixando impostos e apoiar máis que nunca aos dependentes e aos seus coidadores, ás familias e aos autónomos

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou esta última noite, en Vigo, que o PPdeG sae a gañar as eleccións autonómicas do 18 de febreiro e conta coa experiencia, o equipo e as ganas de toda a provincia de Pontevedra e, por enriba de todo, cun proxecto para construír unha Galicia mellor nos próximos anos.

Fíxoo no pincho de Nadal do PP provincial, no que lle agradeceu aos populares pontevedreses que sempre respondan por riba das expectativas. Aproveitando tamén para pedirlles que continúen amosando a súa fora no próximo ano e animándoos a explicar todo o feito ata agora e o moito que queda por facer.

Neste sentido remarcou que o Goberno galego nestes anos baixou os impostos aos galegos para que teñan máis cartos no seu peto ou que a día de hoxe os nenos e nenas na nosa Comunidade están protexidos co calendario de vacinación máis completo do mundo.

O presidente Rueda tamén quixo manifestar o seu compromiso por seguir apoiando máis que nunca aos dependentes e aos seus coidadores, ás familias e aos autónomos. Obxectivo cara o que van encamiñadas medidas que entrarán en vigor en 2024 como os bonos de 5.000 euros para dependentes que son coidados nas súas casas e de 1.200 euros para os que están nunha residencia, así como o Bono Deporte ou a cota cero para que os autónomos teñan facilidades no seu primeiro ano de actividade.

Todo isto, explicou, son feitos e non promesas que demostran que o PPdeG é un partido serio e de palabra, que entende a política co obxectivo de gobernar e non de perder o tempo en liortas coma o cuadripartito da oposición. De feito, remarcou que o seu partido sae a gañar tamén porque en fronte só hai coalicións imposibles e caos.