Rueda sitúa a Nava Castro como a «mellor candidata » para ofrecer a Ponteareas o que a vila merece

«Saímos a gañar porque temos gañas, experiencia, capacidade de xestión, ilusión, forza e contamos co apoio de moitos cidadáns», salienta Nava Castro

O presidente do Partido Popular de Galicia enxalzou onte, no acto oficial de presentación como candidata, a Nava Castro como unha «persoa que se vai a entregar a Ponteareas porque ten as súas raíces nesta vila e porque cree nela», polo que considera que é «a mellor candidata» que se presenta no municipio.

O líder dos populares galegos lamentou perder no seu equipo a «unha persoa leal, a unha compañeira valiosa e a unha servidora pública extraordinaria», pero ao tempo Alfonso Rueda alégrase de que «esta perda signifique que quen vai gañar é Ponteareas». Neste sentido, apuntou, Ponteareas gaña a «veciña recoñecida dentro e fóra das nosas fronteiras» por contribuír decisivamente a que Galicia estea de moda e a unha política que non vén a aprender, senón que vén aprendida: “Ponteareas gaña en eficacia, en ideas e en gañas porque iso é o que vai ofrecer Nava Castro e sei que só ela pode devolver a Ponteareas o que esta vila merece”.

Rueda reivindicou a estabilidade, a xestión e a política útil da súa formación, mostrándose convencido de no ciclo electoral de 2023 o Partido Popular será referente de bo goberno en máis lugares e blindará a moitos concellos «fronte a división, o oportunismo e a ineficacia».

Alfonso Rueda remarcou que o que está a demandar a xente son «menos palabras e máis palabra, menos parálise e máis goberno, menos liorta e máis unidade, menos barullo e máis estabilidade», e que precisamente «iso é o que ofrecerá o Partido Popular nos 313 concellos galegos».

O presidente do PPdeG sinalou que o 28 de maio é «a oportunidade de que a provincia de Pontevedra teña na Deputación un goberno que saiba gobernar e que saiba estar, de que Galicia diga 313 veces si á política útil e a oportunidade tamén de poñer punto e final ao sanchismo levando a Alberto Núñez Feijóo ás portas da Moncloa».

Nava Castro: «Avanzar é o camiño, e estou aquí para avanzar»

Pola súa banda, a candidata do Partido Popular á alcaldía, Nava Castro, sinalou que “Ponteareas necesita un cambio e que se volvan tomar as rendas do sentidiño, do traballo e do facer”, polo que se mostrou disposta a ser a artífice dese cambio: “Temos gañas, experiencia, capacidade de xestión, ilusión, forza e contamos co apoio de moitos cidadáns. Saímos a gañar para que Ponteareas volva ter a xestión que merece. Avanzar é o camiño. E eu estou aquí para avanzar”.

“Escoitamos aos nosos veciños e ofrecemos un proxecto ilusionante, integrador e cohesionado, con ideas e certezas en que vamos traballar todos xuntos e unidos porque esa é a clave”, remarcou Nava Castro.

Recordou a candidata popular que este concello foi pioneiro en moitas cousas e prometeu que volverá situar a Ponteareas no lugar que se merece: “Crearemos un servizo de teleasistencia 24/7 nos domicilios que o soliciten, poremos a disposición de veciños e turistas toda a información sobre servizos, transporte, ocio, cultura… a través duns códigos QR, disporemos e utilizaremos nas emerxencias toda a tecnoloxía dispoñible; poremos en marcha programas municipais de voluntariado, as familias vulnerables ou con necesidades especiais contarán con Internet de forma totalmente gratuíta e todos os cidadáns terán acceso á xestión do Goberno municipal con transparencia e con total liberdade”.