Incidindo na importancia de ir votar e non confiarse, subliña nun mitin en Mos que hai que confirmar nas urnas a boa dirección que marcan as enquisas, xa que só as papeletas dan a vitoria real e supoñen o único triunfo válido
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, volveu facer un chamamento ao voto afirmando que «renunciar a dez minutos de praia, de descanso ou de ocio» este domingo valerán a pena se evitan catro anos máis de sanchismo e permiten demostrar que Mos, que Pontevedra e que Galicia non lle fallan a Alberto Núñez Feijóo.
Nun mitin celebrado en Mos, o máximo mandatario galego puxo a Nidia Arévalo como exemplo da “política esixente” que caracteriza ao PP e que implica dar todo dun mesmo antes de pedir nada aos demais, non conformarse co que hai e tratar de superarse, defender os intereses dos veciños por riba de todo e aproveitar o tempo facendo máis e non poñendo escusas.
Neste sentido, amosouse convencido de que Feijóo fará extensiva esa política que practicou xa en Galicia a toda España e de que isto suporá por fin o remate do castigo aos galegos e a recuperación de todo o tempo perdido nestes cinco anos.
Incidindo na importancia de ir votar o domingo e non confiarse, Rueda asegurou que hai que confirmar nas urnas a boa dirección que marcan as enquisas, xa que só as papeletas dan a vitoria real e supoñen o único triunfo válido.
Así mesmo, reivindicou que non se trata dun imposible porque así o demostran as maiorías amplas do PP en Galicia e en Mos, sinónimo de que gobernar ben non consiste en aumentar o número de ministerios, senón en aumentar a calidade de vida da xente; así como de que é posible ter como únicos socios ao conxunto dos galegos e non a unhas minorías radicais.
Alfonso Rueda pediu abrir o PP a todos os votantes de cambio que queren pasar páxina o domingo e que a papeleta da formación sexa a de todos os que queren unidade, solvencia e un país estable. Explicou que cada papeleta conta porque cada voto á esquerda será un aval para os que non están pensando en gañar, senón en que non gañe o PP; como xa ocorreu anteriormente en moitos municipios e comunidades autónomas.
Facendo referencia ao debate de onte entre “os tres aspirantes a líderes da oposición”, o presidente do PPdeG apuntou que só serviu para ratificar que o candidato socialista é chantaxeado polos seus socios e que outros só teñen como único obxectivo que non haxa maioría do PP.
Neste marco, Rueda reivindicou que só o PP sae a gañar para gobernar e non resistir e faino porque hai unha España sensata que admira o que se fai en Galicia e porque son maioría os que apostan por un goberno semellante ao galego na Moncloa. Un goberno, explicou, que só se deba aos intereses dos españois e non estea rendido a unha vintena de partidos, que xestione e non estea só preocupado pola súa propia supervivencia, que estea unido e non trate de dividir á sociedade e que sexa responsable, sensato e sereno
De aí que pedira aos seus investir uns minutos de tempo en catro anos de estabilidade e bo goberno, para poder irse de vacacións sabendo que de regreso volverá a rutina pero non o sanchismo.

