Rueda comprométese cos alcaldes e portavoces do PP de Pontevedra a defender á provincia fronte a Sánchez e o independentismo

Puxo en valor que, fronte ao contexto nacional, a Comunidade está a ser «unha illa de estabilidade», algo que axudará, dixo, a que os obxectivos que se marquen os concellos poidan saír adiante

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, comprometeuse cos 61 alcaldes e portavoces do Partido Popular de Pontevedra a defender a esta provincia fronte a Pedro Sánchez e o independentismo.

Acompañado polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde Carlos Costa, nun xantar en Campo Lameiro este xoves, o líder dos populares galegos contrapuxo a falta de aposta do Goberno central pola provincia co apoio que ano a ano reciben os concellos por parte da Xunta. Neste sentido, destacou que os Orzamentos para o 2024 recollen un investimento de 5.568 euros por habitante.

Así mesmo, aproveitou esta xuntanza para felicitar a todos os alcaldes polos bos resultados acadados o pasado 28 de maio, que non só converteron ao PP na forza máis votada nesta provincia, senón que permitiron a recuperación da Deputación de Pontevedra tras “oito anos escuros” e “de sectarismo” do goberno socialista e nacionalista. Ademais, louvou que Campo Lameiro fora elixida Capital do Turismo Rural en 2023.

Quixo tamén coñecer de preto os proxectos de futuro que teñen en marcha tanto a Deputación –que vén de aprobar os seu maior orzamento na historia– como os diferentes concellos, así como as principais reivindicacións que fan os veciños e as veciñas, co fin de ter unha radiografía completa dunha provincia que suma máis de 943.000 habitantes.

Así mesmo, o presidente do PPdeG puxo en valor que, fronte ao contexto nacional, a nosa Comunidade siga a ser unha illa de estabilidade, algo que axudará, dixo, a que os obxectivos que se marquen os concellos poidan saír adiante.

Por último, os asistentes á reunión lle trasladaron a súa confianza a Alfonso Rueda de que, cando chegue o momento, a provincia de Pontevedra será clave na consecución da súa primeira maioría absoluta.