Rueda asegura que “a Galicia que funciona é a que ten confianza, unidade, experiencia e solucións” e pide o voto para que “siga funcionando” a partir do 18-F

Afirma querer seguir sendo presidente dunha Galicia “libre pero non submisa, leal pero tamén esixente, inconformista, orgullosa, que xestiona, que garante á xente moza a mellor educación, que respecta aos seus maiores e que une o interior coas cidades”

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, quixo trasladar hoxe a mensaxe de que “a Galicia que funciona é a que ten confianza, unidade, experiencia e solucións”, que é o que el e o seu partido ofrecen aos galegos o 18 de febreiro para que a Comunidade “siga funcionando” e porque teñen claro que o que funciona en Galicia son a unidade, o respecto, a responsabilidade, a normalidade, o sentidiño, a humildade e o esforzo.

Pediu o voto “con ganas de seguir facendo as cousas ben” e comprometeuse a que, se gaña, non só gobernará para todos os galegos e galegas desde o primeiro minuto, senón que as súas prioridades serán as de Galicia. Un voto de confianza tamén, explicou, “para que a igualdade de todos os cidadáns sexan norma e para que se respecten as institucións, a Constitución española, o Estatuto de Autonomía e, por riba de todo, a Galicia”.

Ante as 14.000 persoas que ateigaban unha Praza de Touros “máis chea que nunca” neste tradicional mitin de arranque de campaña, Rueda prometeu que todo o apoio e cariño que está recibindo vai ser devolto con todo o seu esforzo ao longo destes próximos quince días: “Comprométome ante todos vós, a cidade que me veu crecer, a traballar, a facer propostas e a empuxar por Galicia”.

Fronte a outros candidatos que pecan de “egocentrismo”, o líder dos populares asegura que el se presenta a estas eleccións “orgullosamente convencido de que a política serve para algo e desde a normalidade e a humildade” pero consciente tamén de que nada podería facer en solitario. De aí que quixese recoñecer publicamente o traballo e implicación de todos e cada un dos membros que integran as candidaturas do partido nas catro provincias.

“Pido o voto para o PPdeG e unha maioría que me permita traballar por unha Galicia mellor, unida, e sen divisións. E fágoo sobre a base da confianza, reivindicando o valor da palabra dada”, afirmou antes de explicar por que quere seguir sendo presidente dunha Galicia “libre pero non submisa, leal pero tamén esixente, inconformista, orgullosa, que xestiona, que garante á xente moza a mellor educación, que respecta aos seus maiores e que une o interior coas cidades”.

E quere selo prometendo aos galegos que non vai meter Galicia en “camiños sen saída” e que loitará por evitarlle “os follóns que se ven fóra”. Pero, por riba de todo, promete que “non vai fallar” a todos aqueles que depositen nel a súa confianza o próximo 18 de febreiro.

“Temos un enorme prestixio ganado a pulso para reivindicar que podemos facer as cousas como cremos que se teñen que facer. Aquí non temos que traer modelos de fóra porque temos un modelo propio: o da Galicia que funciona. E ese é o que modelo que queremos, o que nos gusta e o único que funciona”, concluíu.