Rubén Pérez Correa proposto por Esquerda Unida para candidato á alcaldía de Vigo

O actual concelleiro da Marea de Vigo foi o único candidato no proceso de primarias da organización e será a proposta da organización para a construción dunha candidatura plural da esquerda en Vigo

O proceso interno de EU remata ademais coa aprobación dun programa e proposta política para presentar ao conxunto da esquerda política e social da cidade

Esquerda Unida rematou esta fin de semana o proceso de configuración de candidatura e proposta política para as eleccións municipais de 2023. Este proceso, ”longo pola necesidade de ser rigorosos na proposta de persoas e programa para construír un Vigo dende a esquerda alternativa”, sinala Rubén Pérez, voceiro actual da Marea de Vigo e coordinador local de EU na cidade, arrancou coa validación por parte da asemblea local de EU da presentación de Rubén Pérez a un novo mandato, ratificado por unanimidade, a convocatoria dun proceso de primarias internas as que só se presentou a lista encabezada polo actual concelleiro na corporación local.

A este proceso uniuse a aprobación na coordinadora local de EU en Vigo de unha proposta política e programática que será presentada a todas a forzas políticas que no 2015 e 2019 confluíron no espazo de encontro municipalista que é Marea de Vigo e onde traballan e se referencian moitas persoas sen adscrición partidaria “polo que é tamén un suxeito que ten que opinar e propoñer de igual a igual coas organizacións”.

Nun proceso de participación interna que comezara xa no mes de setembro, o tamén responsable a nivel estatal de Política Municipal de Izquierda Unida, foi escollido como o cabeza de cartel por EU trala celebración de primarias internas e o referendo do seu resultado na coordinadora nacional de EU do pasado 22 de outubro. «O seguinte paso é sumar a eses nomes de homes e mulleres que presenta EU unha proposta de traballo político e programático para configurar unha candidatura que sume o traballo da Marea de Vigo estes anos ao valor e riqueza da aportación política de Podemos, Anova, EU, Equo e os espazos cos que xa traballamos 8 anos no municipalismo», sinalan.

Rubén Pérez, agradeceu a confianza depositada nel nestes últimos anos. En palabras do candidato: “Este proceso de renovación da confianza da militancia e simpatizantes é o gran valor que temos en EU: unha militancia incombustible sen a cal sería imposible o intenso traballo levado a cabo nestas dúas lexislaturas no Concello de Vigo. Estou enormemente agradecido ás miñas compañeiras e compañeiros por ser o soporte do proxecto colectivo”.

En canto ás pretensións de Esquerda Unida Vigo cara as eleccións locais do 2023 dixo: “Na agrupación local de EU estamos decididos a traballar nunha nova candidatura ampla de unidade».

«Nosa intención é ampliar a ferramenta coa que traballamos nestes anos colectivamente que foi a Marea de Vigo, sumar novos colectivos e organizacións ao proxecto de confluencia, para desenvolver en todo o seu potencial a proposta de modelo de cidade que temos defendido con firmeza nestas dúas lexislaturas”. A partires desta mesma semana o novo candidato de EU co seu equipo de traballo comezará a establecer os primeiros contactos para reflexionar colectivamente e configurar unha proposta programática e política para a cidade.