Román Rodríguez destaca que a gratuidade da universidade “consolidará Galicia como terra de oportunidades para a mocidade”

A medida anunciada por Alfonso Rueda implantaríase xa o vindeiro curso 2024-25 e beneficiaría a 50.000 estudantes

Todos os universitarios galegos poderán estudar totalmente de balde a efectos de matrícula os catro anos que dura un grao completo

O candidato do PPdeG ao Parlamento de Galicia pola provincia de Pontevedra Román Rodríguez e o coordinador do programa electoral da formación, Valentín García, trasladáronlle esta mañá aos presidentes dos consellos sociais das tres universidades públicas galegas a proposta anunciada polo presidente Alfonso Rueda de implantar a gratuidade nos estudos universitarios a partir do próximo curso 2024-25 se a cidadanía galega lle renova a súa confianza nas urnas o vindeiro 18 de febreiro.

Así o explicaron nunha xuntanza á que acudiron Cecilia Sierra (USC), Ernesto Pedrosa (UVigo) e Antonio Abril (UDC) e na que Román Rodríguez salientou que a gratuidade das taxas “contribuirá a consolidar Galicia como unha terra de oportunidades para a mocidade”.

A proposta, anunciada hai uns días polo presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, beneficiará ás primeiras matrículas de todos os cursos, cun total de 50.000 potenciais beneficiarios. Así pois, todos os universitarios galegos poderán estudar totalmente de balde a efectos de matrícula os catro anos que dura un grao completo.

A xuntanza de hoxe enmárcase dentro da rolda de contactos que están a manter desde o PPdeG cos distintos actores da comunidade universitaria para explicar o compromiso de implantación desta medida o vindeiro curso.

Logo de presentarlla aos reitores das tres universidades públicas, agora foi o turno dos representantes dos seus respectivos consello sociais, que son os órganos que canalizan a participación da sociedade galega na universidade co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento social, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia a través da educación superior.