O acto enmárcase dentro da celebración, ao longo do mes de maio, dos eventos relacionados co Lupus Eritematoso Sistémico
A sesión está dirixida a resolver as dúbidas dos pacientes con esta patoloxía, pero é aberta ao público en xeral
O evento celébrase mañá venres 29 de maio e pódese seguir a través da ligazón http://mayo2020-lupus-covid19.iisgaliciasur.es/
Na Área Sanitaria de Vigo están diagnosticados de Lupus uns 300 pacientes e a prevaleza mantense nos últimos anos
O servizo de Reumatoloxía do CHUVI e o Grupo de Investigación IRIDIS do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur organizarán mañá venres unha videoconferencia que versará sobre distintos aspectos do Lupus Eritematoso Sistémico (LES) nos tempos da COVID19.
A sesión está orientada a resolver e aclarar as dúbidas dos pacientes con lupus con respecto á incidencia da infección por SARS-Coronavirus-2 nos doentes con esta enfermidade e, sobre todo, a relación coa súa medicación. Hai que ter en conta que un dos tratamentos base para os pacientes con Lupus é a hidroxicloroquina, un fármaco que se empregou, asociado con outros, nos enfermos diagnosticados de coronavirus ao comezo da pandemia, aínda que nestes momentos detivéronse os ensaios clínicos con este fármaco para o seu uso contra o COVID19.
O reumatólogo José María Pego Reigosa, responsable do Grupo de Investigación IRIDIS, organiza o evento, que se enmarca na celebración, durante todo o mes de maio, dos actos relacionados co Lupus, e explica que “será unha sesión moi didáctica, orientada aos pacientes e ás asociacións, que mostraron inquietudes durante estes meses pola incidencia da COVID19 nas persoas con enfermidades reumatolóxicas sistémicas”.
Na Área Sanitaria de Vigo están diagnosticados de Lupus ao redor de 300 pacientes. A prevaleza desta patoloxía probablemente non se incrementou nos últimos anos, segundo o doutor Pego, “aínda que se avanzou nos diagnósticos precoces da enfermidade”.
Sesión aberta á a cidadanía
A videoconferencia “O Lupus nos tempos da COVID19” comezará ás 16,30 horas de mañá venres. Os interesados en participar na mesma poderán facelo a través da ligazón http://mayo2020-lupus-covid19.iisgaliciasur.es/
Aínda que a invitación para participar fíxose a través das asociacións de pacientes, tanto provinciais como a nivel galego, o acto é aberto á cidadanía. A sesión iniciarase ás 16:30 horas e está previsto que conclúa sobre as 18 horas deste venres.
No mesmo intervirán profesionais do Servizo de Reumatoloxía e de Farmacia do CHUVI, que abordarán, a través de vídeos de curta duración, os aspectos máis de actualidade da enfermidade. Tamén asistirán membros do Servizo de Medicina preventiva que actualizarán a situación das vacinas frente ó coronavirus así como aspectos de Medicina do traballo, importantes para estas doentes. Así, entre outros temas, tratarase de: “As consultas co Reumatólogo en tempo de COVID19”, “O Lupus e o traballo en tempos da COVID19”, “Fármacos para o Lupus e risco de COVID19”, “A hidroxicloroquina e o Lupus”, “A hicroxicoloquina no tratamento da COVID19”, e “Os ensaios clínicos sobre Lupus en tempo da COVID19”. Ademais destes aspectos concretos, a sesión está aberta a falar doutros asuntos relacionados có Lupus que poidan resultar de interés para os asistentes.