Responsables do SERGAS visitan dous centros de atención ao alzheimer para coñecer de primeira man o seu traballo

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo, visitaron esta mañá o centro de día Alzheimer-Vigo Beiramar, xestionado pola Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (Afaga Alzheimer). O centro pertence á rede galega de centros de día de atención para persoas con Alzheimer e outras demencias neurodexenerativas.

Tamén acudiron ao centro integral ás demencias na mesma cidade, adicado á atención ás persoas con demencia e o seu entorno familiar e convivencial. No transcurso destas visitas, Flores, Aboal e López-Pardo, puideron facer un seguimento do convenio marco de colaboración entre Afaga Alzheimer e o Servizo Galego de Saúde. Ademais, recibiron información relativa aos proxectos de investigación promovidos por Afaga.