Remata unha temporada agridoce para a UVigo no Campionato Galego de tenis

A falta de poder disputar un encontro atrasado, o Campionato Galego de tenis por equipo remata por esta temporada e o balance é certamente agridoce. Mentres os resultados dos equipos masculinos son positivos, como recoñece o adestrador Jorge Comesaña, o aspecto máis negativo é o descenso do cominado feminino.

No que atinxe aos xogadores, Comesaña destaca, por riba de todo, “o campionato e o ascenso do equipo masculino A, que regresa á División de Ouro por segunda vez nos últimos tres anos e por quinta vez na súa historia”. Os universitarios xogaron este domingo 22 como locais a final do Campionato Galego por Equipos División Prata, o que sería a segunda categoría galega, fronte ao Tenis Gondomar. O equipo da UVigo, formado por Ricardo Lago, Jaime Zapatero, Yago Gonzalez, Ignacio Lago e Antón Díaz, conseguiu imporse nos encontros de individuais por 5-0 e, deste xeito, gañar o campionato e acadar o ascenso. 

Pola súa banda, o equipo B, a falta de disputar un encontro fronte Ureca C, “acadou o obxectivo da permanencia en Primeira División”, aínda que non alcanzou os postos de ascenso, ao caer contra A Estrada nos cuartos de final. Con todo, o adestrador recoñece que “con algo de magoa”, o obxectivo principal era a permanencia e está conseguido. 

A parte mais amarga desta tempada foi o descenso do equipo feminino que, por segundo ano consecutivo, “en parte debido á gran perda de xogadoras”. Como relata Comesaña, “as catro xogadoras que disputaron case todas as eliminatorias notaron o desgaste acumulado, sen poder facer máis do acadado, ademais de atoparse fronte a equipos moi fortes como Ureca, Gondomar e USC na fase de liga”. Así, tras quedar 4º nasa primeira fase, “tiñan que loitar pola permanencia, pero o partido clave escapóuselles das mans fronte o D10 de Lugo. Despois, xa na última xornada contra o Tenis Boiromar, xa non tivemos opción algunha e perdendo a categoría”. Deste xeito, o ano próximo o equipo competirá na Primeira División.