Rehabilitación da Área Sanitaria de Vigo, protagonista no congreso galego da especialidade

Obtivo un premio por un traballo sobre radiofrecuencia na dor de ombreiro; e outro polo estudo sobre a  utilización do plasma rico en plaquetas no tratamento da dor

O servizo tamén conseguiu unha bolsa de investigación Grünenthal para un proxecto sobre  tendinopatías crónicas do ombreiro

O servizo de Medicina Física e Rehabilitación da Área Sanitaria de Vigo foi protagonista destacado nas xornadas científicas do Congreso da Sociedade Galega de Rehabilitación, ao obter dous premios por traballos científicos.

O servizo, que dirixe o doutor Javier Juan, fíxose co premio ao mellor póster e á mellor comunicación no transcurso das xornadas científicas que se desenvolveron durante o congreso. “É un éxito para todos nós”, dixo o doutor Juan.

Os traballos premiados foron sobre “Experiencia no uso da radiofrecuencia pulsada no manexo da dor de ombreiro” presentado polo  doutor René García e “Plasma rico en plaquetas. A nosa experiencia e retos futuros” presentado polo doutor Alejandro  Herbello.

O servizo da Área de Vigo leva traballando con radiofrecuencia para a dor de ombreiro desde hai dous anos, cuns resultados importantes, xa que se produciu melloría no 70% dos casos tratados en pacientes con esta patoloxía. Ao mes realízanse entre 20 e 30 tratamentos deste tipo.

Ademais, o servizo utiliza o plasma rico en plaquetas desde hai tempo para o tratamento da dor. O procedemento consiste en extraer plasma do paciente e despois de realizar unha preparación para enriquecer as plaquetas, vólveselle a infiltrar ao paciente.

“As dúas experiencias son moi positivas no noso servizo e como consecuencia a súa exposición no recente congreso galego suscitou o recoñecemento dos nosos compañeiros de especialidade”, subliña Javier Juan.

Bolsa para investigación Por outra banda, o proxecto de investigación presentado polo doutor René García , sobre “Bloqueo do nervio  supraescapular  vs bloqueo do nervio  suprescapular e nervio axilar no tratamento de  tendinopatía crónicas de ombreiro nas consultas de rehabilitación“ obtivo a concesión dunha bolsa de investigación da Fundación Grünenthal,  que apoia os traballos científicos relacionados coas patoloxías de dor.